1. Preguntas básicas sobre nanomateriais e saúde laboral

A formación na especialidade de medicina do traballo ten como obxectivos principais a aprendizaxe dos coñecementos, técnicas e habilidades relacionadas con:

  1. A prevención do risco que pode afectar á saúde humana como consecuencia das circunstancias e condicións de traballo.

  2. As patoloxías derivadas do traballo, nas súas tres grandes vertentes de accidentes de traballo, enfermidades profesionais e enfermidades relacionadas co traballo e, no seu caso, a adopción das medidas necesarias de carácter preventivo, diagnóstico, terapéutico e rehabilitador. 

  3. A valoración pericial das consecuencias que ten a patoloxía derivada da contorna laboral para a saúde humana, en particular no caso das incapacidades. 

  4. A formación e investigación sobre a saúde dos traballadores e a súa relación co medio laboral. 

  5. As organizacións empresariais e sanitarias co fin de coñecer a súa tipoloxía e xestionar con maior calidade e eficiencia a saúde dos traballadores. 

  6. A historia natural da enfermidade en xeral, e en particular, o estudo da saúde dos individuos e grupos nas súas relacións co medio laboral. 

  7. A promoción da saúde no ámbito laboral.

A exposición a nanomateriais no traballo pode representar un risco para a saúde da persoa traballadora, que depende do tipo de nanomateriais do que se trate. Algúns nanomateriais son inocuos, con todo, outros son tóxicos. Algunhas fibras mesmo se consideran canceríxenas.

Perigos dos nanomateriais

Dadas as incertezas sobre os riscos no traballo con nanomateriais, primeiro de nada, é necesario responder a tres preguntas básicas:

  1. Cales son as vías de entrada dos nanomateriais no corpo humano?

  2. Unha vez están dentro do corpo, en que órganos diana imos detectar os nanomateriais?

  3. Como interaccionan os nanomateriais coas células?

 

1. Vías de entrada no corpo humano

  • A principal vía de entrada é a vía respiratoria. 

  • Os nanomateriais son tan pequenos que poden ser inhalados e depositarse en distintas rexións do tracto respiratorio. 

  • A principal preocupación son aquelas actividades onde se xera po.

  • Materiais mellorados con nanotecnoloxías (como madeiras, metais, pedra artificial, cerámicas, etc.) poden liberar nanomateriais cando son cortados, lixados ou mecanizados.

2. Distribución a órganos diana dos nanomateriais

3. Interacción dos nanomateriais a nivel celular

Máis información → VIXILANCIA DA SAÚDE

2. Patoloxías e biomarcadores propostos por exposición laboral a nanomateriais

Biomarcadores propostos baseados en estudos epidemiolóxicos con persoal traballador

Cadro resumo de aplicacións dos nanomateriais máis utilizados en diferentes sectores (Fonte: Seguridade e Saúde no Traballo con Nanomateriais. INSST).
Nanomaterial Biomarcadores propostos
Negro de fume Biomarcadores inflamatorios: reconto de glóbulos brancos; citoquinas proinflamatorias.
Sílice amorfa sintética Biomarcadores de estrés oxidativo: 8-OHdG urinario e enzimas antioxidantes séricas.
Efectos epixenéticos: metilación global do ADN.
Dióxido de Titanio Biomarcadores de enfermidade pulmonar: niveis séricos de proteína surfactante D; niveis de óxido nítrico e leucotrieno en EBC (aire exhalado condensado).
Biomarcadores de enfermidade cardiovascular: VCAM-1; ICAM-1; LDL.
Biomarcadores inflamatorios e de estrés oxidativo: citoquinas proinflamatorias, niveis séricos de SOD e MDA; marcadores EBC de dano oxidativo de ácidos nucleicos, proteínas e lípidos; 8-isoprostano; 8-OHdG urinario.
Óxido de Zinc Biomarcadores inflamatorios: concentración de proteína C reactiva en sangue e amiloide A sérico, reconto de neutrófilos (datos non ocupacionais).
Nanotubos de carbono e nanofibras de carbono Biomarcadores pulmonares: óxido nítrico exhalado; KL-6 en esputo.
Biomarcadores cardiovasculares: ICAM-1; VCAM-1.
Biomarcadores hematolóxicos: hemograma; fraccións de células inmaturas.
Biomarcadores de estrés oxidativo e inflamatorio: CCL20, factor de crecemento de fibroblastos básico, e receptores solubles de IL-1 en sangue; citoquinas IL-1β, IL-4, IL-5, IL-6, IL-8 e TNFβ en sangue e esputo; niveis de malondialdehído  (MDA), 4-hidroxi-2-hexenal (4-HHE) e n-hexanal en EBC.
Biomarcadores epixenéticos: metilación de ADN específica de xenes en células de sangue periférico.

Fonte: Shulte et al. (2019)  Scand J Work Environ Health 2019;45(3):217-238

3. Boas prácticas da medicina do traballo en relación cos nanomateriais

Que debo facer como profesional da área médica do SPRL?

  • Solicitar información sobre as condicións de traballo do persoal traballador.

  • Identificar as persoas traballadoras con exposición a nanomateriais.

  • Ter en conta os niveis de exposición do posto de traballo e o resultado da avaliación.

  • Prestar especial atención ao persoal traballador exposto a nanomateriais canceríxenos, mutáxenos, tóxicos para a reprodución e sensibilizantes.

  • Vixilancia da saúde individual de acordo á actualización de coñecementos en medicina do traballo nano.

  • Vixilancia da saúde colectiva específica do grupo de persoas traballadoras con exposición a nanomateriais.

Vixilancia da saúde

O principio de precaución obriga a estar vixiante ao avance científico, especialmente no que á toxicidade de nanomateriais se refire e ás consecuencias para a saúde das persoas expostas na contorna laboral.
A Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo (EU-OSHA), no seu informe sobre exposición a carcinóxenos e cancro laboral en relación aos nanomateriais, sinala que só uns poucos foron investigados a fondo con respecto ao cancro profesional.

É necesario desenvolver proxectos para identificar grupos de traballadores/as con alto risco de contraer cancro profesional, grupos de traballadores/as que non se sabe que están expostos e grupos vulnerables. Deberíanse elaborar solucións tipo para reducir a exposición de tales grupos ou tarefas de traballo e a información sobre a prevención de riscos debería difundirse en lugares de traballo de alto risco.

Cabe chamar a atención sobre dúas confusións que se producen de forma demasiado frecuente. A primeira consiste en interpretar a falta de resultados concluíntes sobre a toxicoloxía dos nanomateriais coa ausencia de perigo. A ausencia de resultados concluíntes e definitivos en nanotoxicoloxía  non resta importancia aos resultados parciais e específicos para algúns nanomateriais, como os nanotubos de carbono de parede múltiple de tipo 7 que en 2017 foron declarados como carcinóxenos para humanos pola Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC).

A segunda confusión consiste en minusvalorar o risco por mor da escaseza de resultados sobre efectos nocivos por exposición laboral a nanomateriais, cando non houbo percorrido temporal para que os haxa. A este respecto a propia Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo advirte da necesidade de non repetir erros nefastos mencionando especificamente o caso do amianto e explicitando a preocupación existente pola semellanza toxicolóxica que determinados nanotubos de carbono e outros nanomateriais fibrosos teñen co amianto.

Precisamente para que non se repitan este tipo de erros do pasado é polo que se impón o principio de precaución. Se non hai información específica sobre un nanomaterial determinado, o criterio para adoptar é o de consideralo como de nivel de perigo descoñecido e tratalo coa mesma prudencia que as substancias perigosas.

Sobre protocolos e programas de vixilancia da saúde específicos para nanomateriais, a OMS, na súa guía sobre como protexer a saúde dos traballadores que están potencialmente expostos a nanomateriais, sinala que non hai evidencias que sustenten a recomendación dun determinado tipo de actuación con preferencia aos programas de vixilancia sanitaria xa existentes.

As boas prácticas dispoñibles recomendan ter identificadas as persoas expostas no seu traballo a NM e gardar os rexistros de exposición laboral de todas aquelas persoas que traballaron con nanomateriais durante 40 anos (igual que no caso das substancias canceríxenas segundo o RD de canceríxenos, mutáxenos e tóxicos para a reprodución).

Requírese poñer en práctica todas as funcións legalmente atribuídas á medicina do traballo: especialmente a de investigación e estudo para estar ao corrente dos novos resultados sobre nanomateriais e saúde laboral.