Presentación

Como "Amianto" ou "asbesto" identifícanse un grupo de minerais formados por silicatos de composición variada que sempre se presentan en forma fibrosa e teñen un aspecto sedoso máis ou menos flexible. As características físico-químicas do amianto confírenlle unhas propiedades excepcionais como illante térmico, eléctrico e acústico, unha gran resistencia ao lume e ás agresións mecánicas e unha boa resistencia química (en especial algunha das súas variedades).

Estas propiedades, xunto co seu relativo baixo custe, fixeron del un elemento moi utilizado na industria, na construción e en produtos de gran consumo ao longo do século XX. En España, o período de máxima utilización foi o comprendido entre os anos 1960 e 1984, o fibrocemento mesturado con amianto foi o material máis amplamente utilizado, pero non o único.

A presenza do amianto por si só en diferentes materiais non supón un risco para a saúde, pero cando estes materiais soltan as fibras que conteñen ao ambiente, como sucede en diferentes traballos que implican a súa manipulación, resultan especialmente perigosos. Cando as diminutas e imperceptibles fibras do amianto contaminan o aire que respiramos poden chegar ata o máis profundo dos pulmóns causando danos irreparables e, nos peores casos, a morte. Ténselle chamado o inimigo invisible porque non se nota ningún efecto inmediato, as enfermidades que provoca, sobre todo de pulmón, solen tardar en aparecer 10, 20, 30 e mesmo 40 anos.

En España está prohibido comercializar, instalar ou fabricar materiais con amianto dende o ano 2002. Sen embargo permítese que os materiais con amianto que estaban xa instalados se poidan seguir usando ata a súa retirada ou ata a fin da súa vida útil. Os usos e variedades de amianto considerados máis perigosos xa se prohibiran antes pero o fibrocemento con amianto, nas súas diversas formas de presentación (placas onduladas ou planas, canalizacións, canlóns, depósitos...) foi instalado de maneira masiva ata o 2002.

Dada a gran cantidade de materiais con amianto instalados, dos que tardaremos anos en desfacernos, este axente perigoso está presente en numerosas situacións de traballo e polo tanto moitos traballadores e traballadoras están expostos a un risco potencial para a súa saúde. Os traballos con amianto deben levarse a cabo de maneira que non se poña en risco ás persoas traballadoras nin a outras persoas e tampouco se xeren riscos para o medio ambiente. As obras de demolición ou de retirada de amianto deben ser executadas por empresas que coñezan todas as precaucións que se deben tomar.

O Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, constitúe a norma legal mínima en relación ao amianto no noso país. Nesta norma, ademais de recoller as medidas de protección e prevención que hai que aplicar nestes traballos, obriga ás empresas que os executan a estar debidamente autorizadas.

En Galicia todos os trámites para autorizar ás empresas que vaian realizar estes traballos son xestionados polo ISSGA.

Requisitos de autorización para realizar traballos con risco por amianto →

Documentación técnica

Portada plan de actuación 2023 ISSGA
Plan de actuación 2023
Informe de actuacións e xestión 2020
Relatorios da xornada técnica “Presentación da campaña “Alerta ISSGA, pode haber amianto” no Centro...

Actualidade

28/04/2023
Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo 2023
26/04/2023
A Xunta avanza na elaboración da futura Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo da man dos axentes sociais
23/04/2023
A Xunta conmemorará o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo cunha semana de actos
19/10/2022
Reunión de coordinación das actuacións do Issga en materia de amianto
03/03/2022
Hoxe tivo lugar a décimo oitava xuntanza do grupo de traballo de amianto do Consello Galego de Seguridade e Saúde...
03/02/2022
Reunión do Grupo técnico de traballo de amianto do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral