Luns, Febreiro 09, 2026
O Issga impulsará en 2026 un plan de choque fronte á sinistralidade máis recorrente e promoverá máis de 50 campañas de prevención en seguridade e saúde laboral
-
O Consello da Xunta analizou o informe sobre o Plan de actuación 2026 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dotado de preto de 8M€ co obxectivo de reducir a sinistralidade laboral e reforzar a prevención en sectores estratéxicos
-
A planificación pon o foco na redución dos accidentes graves e mortais a través dun plan específico contra a sinistralidade e as situacións de risco máis persistentes nos centros de traballo
-
Refórzase a atención aos riscos psicosociais, ergonómicos e ás novas realidades do traballo, así como a protección fronte a axentes perigosos como o amianto ou a sílice cristalina, e incorpora actuacións específicas para colectivos como o SAF
-
A oferta formativa permitirá chegar a un mínimo de 4.500 persoas e están previstas arredor de 600 actuacións de comprobación e seguimento nos centros de traballo
-
As actuacións enmárcanse na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, dotada con preto de 56 M€, e no contexto da declaración de 2026 como Ano da Seguridade e Saúde no Traballo
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026. O Consello da Xunta analizou hoxe o informe sobre o Plan de actuación 2026 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), unha folla de ruta dotada con preto de 8 M€ que ten como obxectivo principal reducir a sinistralidade laboral, mellorar a xestión preventiva dos riscos nos lugares de traballo e avanzar na promoción da saúde e do benestar laboral da poboación traballadora galega.
O plan anual recolle un amplo conxunto de actuacións de sensibilización, asesoramento técnico, investigación, seguimento e control, que inclúen 17 novas campañas de prevención, ás que se suman 33 campañas de continuidade, así como programas específicos por riscos, sectores e colectivos, adaptados tanto aos riscos tradicionais como aos novos e emerxentes.
Plan de choque fronte á sinistralidade máis grave
Como principal novidade deste exercicio, o Issga porá en marcha un plan de choque específico fronte aos accidentes recorrentes e ás situacións de risco que se manteñen no tempo, tomando como referencia os accidentes graves e mortais investigados nos últimos anos. O obxectivo é achegarse directamente aos lugares de traballo cun asesoramento técnico específico para evitar a repetición de sinistros por causas como caídas de altura, atrapamentos con maquinaria, caídas de escadas, atropelos en talleres e naves industriais ou deficiencias na orde e limpeza.
Esta actuación reforzarase con campañas específicas en actividades e sectores de maior risco e sinistralidade, como a construción, a industria, o forestal, a pesca, o sector agrario ou a montaxe e desmontaxe de escenarios, así como en actividades emerxentes ligadas á instalación e mantemento de paneis solares ou á retirada de cubertas con amianto.
Riscos específicos, saúde mental e novos escenarios de traballo
A planificación para 2026 consolida tamén o traballo en riscos psicosociais, ergonómicos e organizativos, prestando especial atención ao estrés laboral, o burnout, o retorno ao traballo tras unha baixa, os factores psicosociais en sectores feminizados e os efectos da dixitalización, o teletraballo e o envellecemento da poboación traballadora. Neste ámbito destaca o reforzo do Laboratorio de riscos psicosociais, desenvolvido en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
Xunto a isto, intensifícanse as actuacións fronte á exposición a axentes perigosos, como o amianto, a sílice cristalina respirable, o radon, os axentes canceríxenos, mutáxenos e reprotóxicos, os produtos químicos e os nanomateriais, combinando campañas de sensibilización, asesoramento técnico, actuacións de comprobación e accións formativas. O plan inclúe tamén actuacións específicas dirixidas a colectivos como as traballadoras do servizo de axuda no fogar, para as que se desenvolverán accións formativas e campañas sobre riscos biolóxicos, ergonómicos e psicosociais, así como medidas preventivas fronte á violencia externa no traballo.
Eixos e medidas de actuación
O Plan de actuación 2026 estrutúrase en seis eixos de traballo, con 13 obxectivos operativos e 75 fichas de actividade, orientados a consolidar o Issga como órgano técnico de referencia en prevención de riscos laborais e promoción da saúde no traballo, reforzar a investigación e a análise da sinistralidade, desenvolver programas por riscos específicos e novos escenarios, actuar por sectores e colectivos, ampliar a formación e impulsar o benestar laboral. Entre outras medidas concretas, o Issga participará en 52 grupos de traballo técnicos de ámbito autonómico e estatal e están previstas arredor de 600 actuacións de comprobación das condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo. A oferta formativa permitirá chegar a un mínimo de 4.500 persoas, mediante xornadas técnicas, cursos en liña e formación práctica dirixida a actividades de especial risco ou dificultade. Con este traballo —e coincidindo ademais coa declaración do 2026 como Ano da Seguridade e Saúde no Traballo— dase continuidade ao desenvolvemento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, instrumento dotado de preto de 56 M€ para mellorar as condicións de traballo, reducir os accidentes e enfermidades profesionais e avanzar cara a contornas laborais máis seguras, saudables e sostibles.