Risco por amianto: requisitos de autorizacion

Imaxe amiante

Os traballos con amianto deben levar a cabo de maneira que non se poña en risco aos traballadores e traballadoras nin a outras persoas e tampouco se xeren riscos para o medio ambiente. As obras de demolición ou de retirada de amianto deben ser executadas por empresas que coñezan todas as precaucións que se deben tomar.

O Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, constitúe a norma legal mínima en relación ao amianto no noso país. Neste real decreto ademais de recoller as medidas de protección e prevención que hai que aplicar nestes traballos, obriga ás empresas que os executan a estar debidamente autorizadas. Esta norma compleméntase coa Guía Técnica de Exposición ao Amianto elaborada polo  Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

A autorización para realizar un traballo implica ter un plan de traballo aprobado pola autoridade laboral, para tramitar a aprobación de plans de traballo será necesario previamente inscribirse no Rexistro de Empresas con Risco por Amianto (RERA).

En Galicia todos os trámites para autorizar ás empresas que vaian realizar estes traballos realízanse de forma electrónica, e son xestionados polo ISSGA.

A Orde do 27 de xuño de 2018 regula os procedementos e aproba e dá publicidade dos modelos de solicitude e comunicación relativos aos traballos con risco de exposición ao amianto en Galicia:

  • Rexistro de empresas con risco por amianto da Comunidade Autónoma de Galicia: alta, baixa e variación de datos. Código do procedemento TR900A.
  • Aprobación de plans de traballo con risco por amianto. Código do procedemento TR900B.
  • Inicio de traballo con risco por amianto. Código do procedemento TR900C.
  • Rexistro dos datos da avaliación da exposición nos traballos con amianto. Código do procedemento TR900D.

TRÁMITES ADMINISTRATIVOS PREVIOS PARA TRABALLOS CON RISCO POR AMIANTO

INSCRICIÓN NO REXISTRO DE EMPRESAS CON RISCO POR AMIANTO (RERA)

Están obrigadas a inscribirse no RERA de Galicia as empresas cuxas instalacións principais (domicilio social) radiquen en Galicia e vaian realizar actividades ou operacións nas que as persoas traballadoras estean expostas ou sexan susceptibles de estar expostas a fibras de amianto ou de materiais que o conteñan, e especialmente en:

  • Traballos de demolición de construcións onde exista amianto ou materiais que o conteñan.
  • Traballos de desmantelamento de elementos, maquinaria ou ferramenta onde exista amianto ou materiais que o conteñan.
  • Traballos e operacións destinadas á retirada de amianto, ou de materiais que o conteñan, de equipos, unidades (tales como barcos, vehículos, trens), instalacións, estruturas ou edificios.
  • Traballos de mantemento e reparación dos materiais con amianto existentes en equipos, unidades (tales como barcos, vehículos, trens), instalacións, estruturas ou edificios.
  • Traballos de mantemento e reparación que impliquen risco de desprendemento de fibras de amianto pola existencia e proximidade de materiais de amianto.
  • Transporte, tratamento e destrución de residuos que conteñan amianto.
  • Vertedoiros autorizados para residuos de amianto.
  • Todas aquelas outras actividades ou operacións nas que se manipulen materiais que conteñan amianto, sempre que exista risco de liberación de fibras de amianto ao ambiente de traballo.

Como inscribirse no RERA?

  • Procedemento electrónico a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia TR900A
  • No caso de que o domicilio social non estea en Galicia, deberá dirixirse á autoridade laboral do territorio no que teña o domicilio social a empresa.

Comunicación de variación de datos e baixas:

  • Calquera variación dos datos inscritos debe comunicarse ao centro do ISSGA ao que lle dirixiu a inscrición no prazo máximo de 15 días.
  • Se a empresa non vai continuar realizando as actividades que motivaron a alta no RERA, debe darse de baixa neste rexistro.
  • Ambos procedementos realízanse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia TR900A

Pódese consultar a listaxe de empresas inscritas no RERA en Galicia no apartado de descargas desta páxina.

APROBACIÓN DE PLANS DE TRABALLO

Antes de realizar o traballo, a empresa debe elaborar un Plan de traballo que debe ser aprobado pola autoridade laboral. Este é un requisito imprescindible, sen o cal non se pode comezar o traballo.

Tipos de plans de traballo:

  • Específico: válido unicamente para o traballo/obra concreta que se vaia realizar
  • Sucesivo: válido unicamente para o traballo/obra concreta que se vaia realizar. Trátase dun traballo/obra similar a outra para a que a mesma empresa presentou, ante a mesma autoridade laboral, un plan específico que foi aprobado. Redúcese a documentación que hai que presentar para tramitalo.
  • Único de carácter xeral: válido para realizar o tipo de traballos/obras recollidos no plan e coa metodoloxía descrita nel. Un único plan permite realizar varios traballos. É o plan adecuado para operacións de curta duración con presentación irregular ou que non se poden programar con antelación, especialmente nos casos de mantemento e reparación.

Para as dúbidas que lle poidan xurdir sobre o plan de traballo concreto que vaia presentar diríxase ao centro do ISSGA no que se deba de presentar o plan.

Como presentar un plan de traballo?

  • Procedemento electrónico a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia TR900B
  • Plans específicos e sucesivos: dirixido ao centro do ISSGA da provincia na que se vaian executar os traballos
  • Plans únicos de carácter xeral: dirixido ao centro do ISSGA da provincia que corresponda co domicilio social da empresa. Se o domicilio social está fóra de Galicia, ante a a autoridade laboral do territorio que corresponda e na forma establecida por esta.

Tramitación:

  • Prazos: o plan de traballo debe resolverse no prazo máximo de 45 días hábiles contados dende a data de entrada no seu rexistro (centro do ISSGA que corresponda). De transcorrer o dito prazo sen que se notificara a resolución, o plan de traballo entenderase aprobado.
  • Na tramitación do procedemento é preceptiva a solicitude de informe do ISSGA e da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que revisarán o plan de acordo ao previsto no RD 396/2006.
  • O plan debe conter todos os apartados que figuran no artigo 11.2 do RD 396/2006.
  • Xunto co plan de traballo débese presentar o certificado de formación en materia de amianto e o de aptitude médica dos traballadores e traballadoras que van participar na actividade concreta, e un documento que acredite que se consultou aos/ás representantes das persoas traballadoras para a elaboración do plan.

Logo de ser aprobado o plan e antes de executar os traballos, comunicarase ao centro do ISSGA da provincia na que se vaian levar a cabo, a data exacta de comezo dos traballos cunha antelación mínima de tres días hábiles a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia TR900C

O empresariado que contrate ou subcontrate con outros a realización de traballos de desamiantado ou calquera outro traballo no que se manipulen materiais que conteñan amianto con risco de liberación de fibras (artigo 3 do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo), deberá comprobar que os devanditos contratistas ou subcontratistas contan co correspondente plan de traballo. Para tales efectos, a empresa contratista ou subcontratista deberá remitir a empresa principal unha copia da resolución aprobatoria do plan de traballo.

Para a elaboración do plan debe consultar a Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo  (INSST) sobre o RD 396/2006, en especial os comentarios ao artigo 11 e aos artigos 6, 7, 8, 9 e10 así como os seus apéndices. En "Documentos" pode descargar outros documentos técnicos e divulgativos de interese relacionados co amianto.

 

CRITERIOS E PRECISIÓNS SOBRE A APLICACIÓN DO REAL DECRETO 396/2006

O Real decreto 396/2006 encoméndalle ao Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo na súa disposición adicional segunda, a elaboración da guía técnica para este Real decreto. Esta guía, que foi actualizada en abril de 2022, proporcionou novas orientacións prácticas e criterios de aplicación da normativa de amianto que deben considerar as empresas para solicitar a aprobación dun plan de traballo con risco por amianto e realizar outros trámites relacionados co seu seguimento.
Expóñense a continuación diferentes precisións, orientacións prácticas, e criterios a ter en conta para a aplicación do Real decreto 396/2006 en Galicia.

1. ACLARACIÓNS PREVIAS
  • O plan de traballo debe conter a información xusta e necesaria para o fin previsto que é a prevención de riscos por amianto. A información relativa á prevención de riscos de outra natureza (traballos en altura, manipulación de cargas, etc.) quedará reflectida na avaliación de riscos e planificación da actividade preventiva da empresa (artigo 16 da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais) e, no caso de obras de construción, no plan de seguridade da obra ou na avaliación de riscos.
  • A empresa titular ten a obriga de esixir o plan de traballo aprobado antes de autorizar o inicio das operacións cando os traballos con amianto son levados a cabo por unha empresa contratista ou subcontratista.
2. ACTIVIDADES INCLUÍDAS NO ARTIGO 3.2 DO REAL DECRETO 396/2006

Trátase de traballos con amianto que se poden levar a cabo sen necesidade de aplicación dos artigos 11, 16, 17 e 18, é dicir, sen necesidade de inscrición no RERA, plan de traballo aprobado, vixilancia da saúde específica e requisitos de rexistro de datos e arquivo de documentación. Para darse tales exencións débense cumprir tres condicións comúns:

  • tratarse de exposicións esporádicas
  • a intensidade destas exposicións debe ser baixa
  • os resultados da avaliación de riscos (artigo 5) deben indicar claramente que non se vai superar o valor límite de exposición na área da zona de traballo.

No tocante estas condicións comúns considerarase:

  • esporádico: que ocorre de maneira illada e ocasional, sendo previsible que a exposición non se volva repetir ou sexa moi pouco frecuente. As empresas cuxa actividade habitual sexa calquera das incluídas no ámbito de aplicación da norma non poden acollerse a esta excepción aínda que os traballos individualizados cumpran as condicións do artigo 3.2
  • intensidade da exposición baixa: concentración media ambiental de 0,025 f/cm3 (non se trata de VLA, para calcular a exposición diaria, haberá que ter en conta o tempo de exposición).
  • que a avaliación indica claramente que non se vai superar o valor límite: cando ED < 10 % VLA-ED. O persoal técnico que realiza a avaliación poderá estimar valores de concentración esperados para unha actividade concreta incluíndo datos de medicións (se están dispoñibles) ou datos de fontes externas fiables (INSST, HSE, INRS etc.).

E ademais os traballos deberán incluírse nalgún dos supostos seguintes:

  • actividades curtas e descontinuas de mantemento e só con materiais non friables,
  • retirada sen deterioración de materiais non friables,
  • encapsulación e selado de materiais en bo estado que conteñan amianto, sempre que estas operacións non impliquen risco de liberación de fibras,
  • vixilancia e control do aire e na toma de mostras para detectar amianto nun material.

En ningún caso os traballos están exentos do cumprimento do resto dos artigos e polo tanto haberá que avaliar o risco, e aplicar as medidas axeitadas de prevención (técnicas, organizativas e de hixiene persoal e protección); ademais, os traballadores deben recibir a formación e a información necesaria e especificada no real decreto. Tampouco se debe esquecer a xestión dos residuos, tendo en conta a consideración do amianto como residuo perigoso.

Exemplos de traballos que se poderían encadrar no artigo 3.2:

Guía técnica de amianto: comentarios ao artigo 3.2 (páx. 17-19)

Fichas traballos seguros con amianto do INSST

3. PERSOA QUE ASINA O PLAN DE TRABALLO E A AVALIACIÓN DE RISCOS

A elaboración e correcta aplicación do plan de traballo traballo é responsabilidade da empresa que vai executar os traballos e debe ser asinado pola persoa responsable da empresa, que é recomendable que conte co asesoramento dun especialista en hixiene industrial. A información que acompañe ao plan relacionada coa estratexia de toma de mostras (periodicidade, número de mostras, duración etc.) forma parte da avaliación de riscos que si debe vir avalada e asinada polo hixienista industrial do servizo de prevención que realizou a avaliación de riscos.

4. RECURSOS PREVENTIVOS

Cando se trate de actividades nas que pode preverse a superación do VLA-ED (artigo 10.1) deberá nomearse unha persoa supervisora dos traballos con coñecementos, cualificación e experiencia para o tipo de actividade da que se trate, e formación preventiva como mínimo, de nivel básico.

Cando se trate de obras de construción a empresa contratista deberá designar un recurso preventivo con independencia de que haxa que nomear un supervisor, xa que os traballos con amianto encádranse nos traballos nos que a exposición a axentes químicos ou biolóxicos supón un risco de especial gravidade ou para os que a vixilancia específica da saúde dos traballadores sexa legalmente esixible (disposición adicional decimo cuarta da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais- LPRL- e anexo II do Real decreto 1627/1997). Se coexisten ambas figuras será a persoa supervisora quen se encargue de velar polo cumprimento do que ocorra na zona limitada para os traballos con amianto.

Se a empresa que solicita a aprobación do plan de traballo é empresa contratista dunha obra de construción deberá entón nomear un recurso preventivo por este motivo e deberá achegar o dito nomeamento. Se se dera o caso de que a empresa tamén tivese que nomear unha persoa supervisora dos traballos (artigo 10.1) podería ser a mesma persoa recurso preventivo e supervisora dos traballos.

En todo caso, o feito de que a empresa non teña que nomear un recurso preventivo na obra por tratarse dunha subcontrata, non exime á empresa contratista de ter que nomear este recurso.

5. PLANS ÚNICOS DE CARÁCTER XERAL

O habitual é que se presente un plan por cada traballo a realizar (plan específico, artigo 11.1) pero o real decreto contempla a posibilidade de que se presente un plan xeral tal como se sinala no artigo 11.4:

Cando se trate de operacións de curta duración con presentación irregular ou non programables con antelación, especialmente nos casos de mantemento e reparación, o empresario poderá substituír a presentación dun plan por cada traballo por un plan único, de carácter xeral, referido ao conxunto destas actividades, no cal se conteñan as especificacións para ter en conta no seu desenvolvemento. Non obstante, este plan deberá ser actualizado se cambian significativamente as condicións de execución.

Concepto de curta duración: estimarase en base á opinión e criterios técnicos fundamentados en función do tipo de actividade, cantidade de materiais con amianto (en diante MCA) e situacións especiais en cada caso. Non se terá en conta a curta duración cando se trate dun traballo inminente (emerxencias e sinistros por exemplo).

Presentación irregular: enténdese a asociada a traballos cuxa finalidade non é intervir nos MCA senón que a intervención é consecuencia dunha aparición imprevista ou presenza circunstancial dos MCA no traballo a realizar.

Os plans xerais só se poderán aprobar para as operacións que teñen metodoloxía de traballo especificada e correcta.

Poderanse aprobar para un ámbito concreto: determinadas provincias, comunidades autónomas, o conxunto do Estado, etc. Cando se trate de traballos de mantemento e reparación con materiais friables (artigo 10) este ámbito non será territorial, senón que se restrinxirá a unha ou varias empresas concretas, será polo tanto necesario indicar a empresa ou empresas principais nas que será de aplicación e os materiais aos que corresponda.

Estes plans terán un período máximo de vixencia de 3 anos, transcorrido este período dende a súa aprobación as empresas deberán presentar un novo plan se desexan continuar realizando a actividade ou actividades descritas nel.

Son exemplos claros de traballos que se axustan a plans únicos de carácter xeral os traballos de mantemento e reparación en redes de saneamento e abastecemento de augas e en instalacións industriais, os traballos como consecuencia de sinistros ou emerxencias e os de recollida e transporte de residuos e outros que veñen recollidos nos comentarios da guía técnica ao artigo 11.4.

6. PROCEDEMENTO PARA A AVALIACIÓN E CONTROL DO AMBIENTE DE TRABALLO (ART. 11.2.E) DO REAL DECRETO 396/2006)

O Plan de traballo deberá acompañarse da avaliación específica de amianto para cada tipo de actividade determinada (TAD) que se contemple no plan. Indicaranse as concentracións de fibras de amianto para cada TAD, ben estimadas ou ben procedentes de medicións da empresa cando xa se dispoña delas.

Cando se deban realizar medicións durante os traballos a executar especificarase a estratexia de toma de mostras e o tipo de medición. O apéndice 3 da guía técnica proporciona información relevante para a avaliación da exposición e o control do ambiente de traballo.

No tocante ás medicións persoais segundo a norma UNE-EN 689:2019, farase como mínimo unha medición anual co obxecto da revisión periódica da avaliación da exposición (seguindo a recomendación da guía técnica). Polo tanto, cando se resolva a conformidade coa proba preliminar, non será necesario realizar un mínimo de 6 medicións para determinar a periodicidade (segundo indica a UNE-EN 689:2019).

No plan de traballo débese indicar a data da última medición realizada para o/os TAD descritos nel.

Tanto a avaliación específica como a estratexia de toma de mostras debe vir asinada por un hixienista industrial pertencente á organización preventiva da empresa (servizo de prevención alleo habitualmente), que debe ademais realizar ou ben supervisar a toma de mostras. De ser o caso, indicarase tamén a persoa que realiza a toma de mostra e a formación da que dispón.

Recóllense deseguido algúns TAD que se aplican máis frecuentemente e se deben detallar no plan

  • Retirada de cubertas de fibrocemento de edificios (placas suxeitas con ganchos ou parafusos)
  • Retirada de cubertas en naves por debaixo (con plataforma elevadora)
  • Retirada de placas de fachada
  • Retirada/reparación de canalizacións en exteriores (inclúe as soterradas)
  • Retirada/reparación de canalizacións en interiores
  • Recollida manual de cascallos
  • Tellados con recubrimentos (tella, lousa ou outros) adheridos

Para cada un deles débese indicar, como mínimo, a presentación do material, o procedemento de traballo, as medidas de protección e o procedemento de limpeza unha vez rematados os traballos.

Necesidade de realizar medicións estáticas ambientais para índice de descontaminación

Teranse en conta os criterios da guía técnica, apéndice 3, páx. 87 e seguintes, en concreto non serán necesarias estas medicións nos seguintes supostos:

  • Traballos en exterior.
  • Demolicións cando se trate de materiais non friables.
  • Cando exista separación física (mediante teito divisorio, placa, etc.) entre a cuberta e o espazo que posteriormente se vaia ocupar.
  • Cando o espazo afectado non sexa transitable ou non se poida acceder a el.
  • Situacións nas que non sexa viable como poden ser instalacións de uso agrícola ou gandeiro.

Nota: si serán necesarias cando se trate de retirada de cubertas de rochos, faiados e garaxes que estivesen en contacto directo coa uralita retirada.

Número mínimo de mostras a tomar

Cando sexan necesarias estas medicións o número de mostras recomendado será o indicado no anexo E do método MTA/MA-051 (ver páx. 95 da guía técnica de amianto do INSST). Este método determina o número de mostras a tomar en función da área ou volume de cada un dos recintos ou espazos nos que se actuou.

7. EQUIPOS UTILIZADOS PARA A PROTECCIÓN DOS TRABALLADORES (ART. 11.2.H) DO REAL DECRETO 396/2006)

Selección de equipos de protección respiratoria e probas de axuste

A mínima protección respiratoria que se vai esixir nos plans de traballo vai ser a media máscara con filtro P3 recollendo o criterio da guía técnica (apéndice 5), coa excepción dos plans únicos de carácter xeral para recollida e transporte de residuos xa empaquetados nos que se poderá utilizar media máscara FFP3.

Farase especial fincapé na importancia do axuste das pezas faciais dos equipos de protección respiratoria dependentes do medio para acadar o nivel de protección ofertado; en concreto recollerase a comprobación da calidade do axuste no programa práctico de formación.

Unidades de descontaminación (UD)

Antes da súa instalación deberá asegurarse que a UD está libre de fibras de amianto (por exemplo certificados de limpeza ou descontaminación).

Deberá limparse en profundidade despois de cada xornada laboral, ao rematar a execución do plan de traballo e antes de desmontala. O plan especificará o procedemento de limpeza. Tamén fará alusión á periodicidade necesaria de cambio de filtros de auga e de aire.

Cando se trate de traballos con MCA friables levarase a cabo sempre unha medición de índice de descontaminación e así se especificará no plan de traballo. Cando se trate de MCA non friables deberá facerse unha medición de índice de descontaminación no módulo limpo polo menos unha vez co fin de verificar o procedemento de limpeza da unidade especificado no plan.

8. FORMACIÓN E ADESTRAMENTO DOS TRABALLADORES

Deberá ser impartida por un técnico superior en PRL coa especialidade de Hixiene Industrial da organización preventiva da empresa (SPA habitualmente) xa que se trata de formación do artigo 19 da LPRL. Cando sexa necesario recorrer a outros profesionais ou entidades, o SPA da empresa debe certificar/avalar a súa idoneidade tendo en conta o posto de traballo e as tarefas a desempeñar. Na certificación da formación debe figurar que foi impartida por un hixienista industrial.

No caso de que un traballador dispoña de formación en amianto certificada polo SPA doutra empresa na que traballou con anterioridade, o SPA da empresa actual debe certificar/avalar a súa idoneidade tendo en conta o posto de traballo e as tarefas a desempeñar.

O Real decreto 396/2006 establece o contido mínimo e sinala que deberá impartirse antes do inicio da actividade e cando se produzan cambios nas funcións que desenvolvan os traballadores ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo, e que debera repetirse, en todo caso, a intervalos regulares. No entanto non indica un número mínimo de horas, nin establece unha periodicidade.

Adóptase o seguinte criterio segundo as directrices da guía técnica (comentarios ao artigo 13 e apéndice 7):

A duración mínima , xa que a formación deberá adaptarse ás circunstancias específicas do traballo a desenvolver, en función do seu cometido, será a seguinte:

  • formación inicial de 20 h
  • formación anual de reciclaxe de 6 h
  • formación de reciclaxe de 6 h de se producir cambios nos procedementos de traballo ou funcións a desenvolver polo persoal traballador
  • formación de 20 h cando o persoal leve máis de 1 ano sen traballar con amianto

No apéndice 7 da guía técnica así como no documento Formación y entrenamiento de los trabajadores con riesgo de exposición al amianto e na NTP 1021 recóllense pautas para o deseño do programa formativo teórico e práctico.

9. OUTROS CRITERIOS E PRECISIÓNS

No apartado “documentos” do portal de amianto de esta web pode atopar tres documentos con criterios e precisións relativos a:

  • Dobraxe de cubertas de cemento-amianto
  • Instalación de placas solares sobre cubertas de fibrocemento con amianto
  • Traballos con amianto e persoal autónomo
10. PRECISIÓNS SOBRE DETERMINADOS TRÁMITES

Inicios de obra

Deben presentarse tres días hábiles antes do inicio dos traballos, coas seguintes excepcións:

  • Plans únicos de carácter xeral de vertedoiros: preséntase mensualmente unha relación da cantidade de MCA recibido.
  • Plans únicos de carácter xeral para transporte de residuos: non será necesario cumprir co prazo de tres días.
  • Plans únicos de carácter xeral para mantemento e reparación en redes de saneamento e abastecemento de augas: as comunicacións envíanse unha vez rematada a intervención.

Anexo IV Real decreto 396/2006: fichas de avaliación da exposición nos traballos con amianto

Prazos de remisión

As correspondentes a plans específicos e sucesivos deberán ser remitidas polas empresas no prazo máximo de tres meses dende que se finalizaron os traballos ou dende a finalización de cada fase se se executan por fases.

As correspondentes a plans únicos de carácter xeral deberán ser remitidas polas empresas nos tres primeiros meses do ano seguinte ao da execución dos traballos.

Como cubrilas?

Terase en conta o recollido no documento aprobado pola Comisión Nacional: “Aspectos a considerar en la cumplimentación de los datos de evaluación de la exposición del anexo IV (Real Decreto 396/2006)”, que se presenta dun xeito resumido no cartel publicado polo INSST: “Evaluación de la exposición al amianto, RD 396/2006, ¿te ayudamos con el anexo IV?”.

En concreto:

  • Debe indicarse o DNI, número da Seguridade Social, número de días de exposición e ED de todos os traballadores, ben sexa porque se lle fixo unha medición persoal ou porque se asume a dita exposición en base aos resultados de medicións anteriores dese tipo de actividade determinada e do grupo ou grupos de exposición similar (GES) aos que estea adscrito.
  • Cando se trate de traballos asociados a plans únicos de carácter xeral: pódese remitir unha única ficha de todos os traballos realizados no ano para un determinado tipo de actividade que inclúa:
    • todos os traballadores implicados
    • número total de días traballados
    • valor de ED en f/cm3 representativo da exposición utilizando a metodoloxía UNE-EN 689 ou equivalente; indicarase a ED máxima mentres non se dispoña de valor representativo (día de máximo de exposición).
  • Pode ser o técnico de prevención da organización preventiva da empresa ou o responsable da empresa RERA quen cubra e asine a ficha. Con independencia de quen asine é o responsable da empresa quen se encarga de conservala e de enviala á autoridade laboral (en Galicia ao Issga).

No caso de que se realizaran medicións estáticas recoméndase a presentación do informe hixiénico onde se recollan estas medicións. As medicións estáticas poden ser levadas a cabo por un terceiro ao contrario das medicións persoais que deben ser levadas a cabo polo hixienista do servizo de prevención.