Amianto

Presentación

Como "Amianto" ou "asbesto" identifícanse un grupo de minerais formados por silicatos de composición variada que sempre se presentan en forma fibrosa e teñen un aspecto sedoso máis ou menos flexible. As características físico-químicas do amianto confírenlle unhas propiedades excepcionais como illante térmico, eléctrico e acústico, unha gran resistencia ao lume e ás agresións mecánicas e unha boa resistencia química (en especial algunha das súas variedades).

Estas propiedades, xunto co seu relativo baixo custe, fixeron del un elemento moi utilizado na industria, na construción e en produtos de gran consumo ao longo do século XX. En España, o período de máxima utilización foi o comprendido entre os anos 1960 e 1984, o fibrocemento mesturado con amianto foi o material máis amplamente utilizado, pero non o único.

A presenza do amianto por si só en diferentes materiais non supón un risco para a saúde, pero cando estes materiais soltan as fibras que conteñen ao ambiente, como sucede en diferentes traballos que implican a súa manipulación, resultan especialmente perigosos. Cando as diminutas e imperceptibles fibras do amianto contaminan o aire que respiramos poden chegar ata o máis profundo dos pulmóns causando danos irreparables e, nos peores casos, a morte. Ténselle chamado o inimigo invisible porque non se nota ningún efecto inmediato, as enfermidades que provoca, sobre todo de pulmón, solen tardar en aparecer 10, 20, 30 e mesmo 40 anos.

En España está prohibido comercializar, instalar ou fabricar materiais con amianto dende o ano 2002. Sen embargo permítese que os materiais con amianto que estaban xa instalados se poidan seguir usando ata a súa retirada ou ata a fin da súa vida útil. Os usos e variedades de amianto considerados máis perigosos xa se prohibiran antes pero o fibrocemento con amianto, nas súas diversas formas de presentación (placas onduladas ou planas, canalizacións, canlóns, depósitos...) foi instalado de maneira masiva ata o 2002.

Dada a gran cantidade de materiais con amianto instalados, dos que tardaremos anos en desfacernos, este axente perigoso está presente en numerosas situacións de traballo e polo tanto moitos traballadores e traballadoras están expostos a un risco potencial para a súa saúde. Os traballos con amianto deben levarse a cabo de maneira que non se poña en risco ás persoas traballadoras nin a outras persoas e tampouco se xeren riscos para o medio ambiente. As obras de demolición ou de retirada de amianto deben ser executadas por empresas que coñezan todas as precaucións que se deben tomar.

O Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, constitúe a norma legal mínima en relación ao amianto no noso país. Nesta norma, ademais de recoller as medidas de protección e prevención que hai que aplicar nestes traballos, obriga ás empresas que os executan a estar debidamente autorizadas.

En Galicia todos os trámites para autorizar ás empresas que vaian realizar estes traballos son xestionados polo ISSGA.