Novas

Venres, Abril 28, 2023

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

O 28 de abril conmemórase o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo. A Organización Internacional do Traballo (OIT) escolleu para o 2023 como lema "Unha contorna de traballo segura e saudable é un principio e un dereito fundamental no traballo".

A OIT quere destacar este ano que o dereito a unha contorna de traballo segura e saudable foi incluído dentro dos principios e dereitos fundamentais no traballo nunha decisión histórica no marco da súa 110ª reunión, celebrada en xuño de 2022. Como consecuencia, foron declarados convenios fundamentais o Convenio sobre seguridade e saúde dos traballadores (nº 155) e o Convenio sobre o marco promocional para a seguridade e saúde dos traballadores (nº 187) polo que todos os Estados membros teñen a obriga de respectar, promover e realizar, de boa fe e de conformidade coa Constitución da OIT, os principios relativos aos dereitos fundamentais que son obxecto dos devanditos convenios.

Para lograr unha contorna de traballo segura e saudable, requírese a participación activa dos Gobernos, o empresariado e o persoal traballador mediante un sistema de dereitos, responsabilidades e deberes ben definidos, así como mediante o diálogo social e a cooperación.

Nestes momentos xa contamos co marco estratéxico da Unión Europea en materia de saúde e seguridade no traballo 2021-2027 e, dende o pasado 14 de marzo de 2023, coa nova estratexia española na materia. Cómpre destacar o papel de Galicia, como representante xunto a Cantabria das Comunidades Autónomas, tanto na negociación da recente estratexia española como na elaboración do primeiro Plan de acción 2023-2024 a nivel nacional. 

Na actualidade estase a negociar o novo marco estratéxico para Galicia. Para tal fin, o pasado 31 de marzo, o Consello Galego de Seguridade Laboral, como órgano de participación institucional nesta materia, creou un grupo de traballo co mandato de elaborar a vindeira estratexia galega 2023-2027, que será froito do máximo consenso posible, tralo previo debate e da incorporación de achegas presentadas polos axentes sociais e outras unidades da Xunta con competencias concorrentes.

Semella imprescindible un avance en saúde laboral integral e que, unha vez cumpridas as obrigas na xestión preventiva, progresemos na xeración e promoción de contornos laborais que consideren a saúde en todas as políticas da empresa e con proxectos que, ademais de evitar sinistros, melloren a calidade de vida das persoas.

Responsabilidade, implicación, incorporación de novas perspectivas, rigor técnico, coordinación e efectiva participación das organizacións que representan o tecido produtivo galego nos axudarán a dar os chanzos que garantan a seguridade e saúde a través dunha adecuada xestión dos riscos laborais nos centros de traballo, contando tamén cos profesionais da prevención, tanto no ámbito público como privado.

A Xunta de Galicia quere reiterar o seu compromiso co emprego de calidade para o que é preciso acadar o máximo consenso das organizacións sindicais e empresarial galegas e o traballo técnico a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) así como doutras unidades con competencia na materia. Un consenso que nos permitirá acadar espazos laborais que protexan, promovan e apoien o benestar das traballadoras e traballadores galegos.