Xoves, Febreiro 08, 2024
O Issga reforzará en 2024 as súas actuacións de prevención en actividades feminizadas e nos riscos laborais emerxentes
- O Consello da Xunta deu o visto e prace hoxe ao Plan de actuación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia para este ano
- Deseñado en colaboración cos interlocutores sociais e de xeito transversal dentro da Xunta, incidirá nos sectores con maior sinistralidade e de alto risco
- O plan prevé accións para afrontar os riscos laborais derivados dos novos escenarios de traballo: teletraballo, dixitalización ou desconexión
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia reforzará no seu Plan de actuación de 2024 as accións que incidan na prevención e na promoción da saúde en actividades con riscos emerxentes e con alta presenza de mulleres. O Consello do Goberno galego deu hoxe o visto e prace a este documento nado do consenso cos interlocutores sociais e coa participación das diferentes consellerías con competencias nesta materia.
A nova planificación enmárcase por primeira vez na Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: Horizonte 2027, que está a desenvolver, cun orzamento de case 56 millóns de euros, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
A Xunta aspira a facer fronte coas súas accións aos sectores de actividade con maiores índices de sinistralidade -construción e afíns, actividade de silvicultura e industria madeireira, pesca e afíns, industria, servizos e montaxe e desmontaxe de eventos- e a riscos emerxentes.
Tamén se prestará atención a colectivos específicos que precisan dunha especial axuda técnica para incorporar unha adecuada xestión preventiva. Reforzarase, así, a actuación en actividades con alta presenza de mulleres. Priorizaranse, neste eido, as actuacións dirixidas á protección da maternidade e os programas destinados ao persoal do sector dos coidados e á promoción da seguridade nos traballadores por conta propia.
Actuacións concretas
Entre outras medidas concretas, o plan fomentará a participación do Issga en 50 grupos de traballo técnico de carácter autonómico e estatal. Tamén permitirá elaborar datos estatísticos de sinistralidade entre traballadores de maior idade e os autónomos.
Desenvolveranse 14 campañas de promoción da prevención e redución da sinistralidade e se realizarán programas específicos e de asesoramento técnico nos lugares de traballo cunha previsión de acadar as 350 actuacións.
En 2024, a Administración autonómica elaborará guías específicas de axuda para colectivos como o das mariscadoras e redeiras, ou para as persoas que empreguen a voz no desempeño das súas funcións.
O Issga quere afondar na investigación de accidentes de traballo por infarto, derrame e outras patoloxías non traumáticas e desenvolverá, na mesma liña, un proxecto piloto de cancro laboral, actuación de prioridade nos marcos estratéxicos estatal e europeo.
Está previsto que este ano se realicen 600 actuacións comprobatorias por parte do persoal técnico habilitado do Issga, que incidirán na actividade forestal, a pesca, a construción, nas actividades de limpeza e en supermercados.
Respecto dos novos modelos de traballo, actuarase fronte aos riscos psicosociais e para o coidado da saúde mental. O Issga prevé crear un laboratorio específico ao respecto.
O Issga, por outra banda, prevé formar 4.000 persoas nos diferentes concellos sobre as novidades técnicas e normativas con atención a sectores produtivos con alto risco.
Sinistralidade laboral
O obxectivo deste plan, dotado con 7,6 millóns de euros de orzamento, pasa por reducir a sinistralidade laboral en Galicia, mellorar a xestión preventiva e avanzar no benestar laboral.
En 2023 produciuse un descenso da sinistralidade mortal en xornada laboral do 25,37%. Hai que ter en conta que en 2022 perderan a vida vinte persoas a bordo do Villa de Pitanxo.
Tamén baixaron o ano pasado os accidentes graves que anotan unha redución do 8,7%, destacando o descenso do 35% na actividade agraria.
Crecen case un 6% tanto os accidentes leves como a comunicación das enfermidades profesionais declaradas. Neste último caso, a maioría encádranse nas patoloxías de trastornos musculoesqueléticos debidas a factores ergonómicos relacionados co posto.