Novas

Luns, Xullo 10, 2023

Difusión e asesoramento ás empresas sobre os criterios e precisións relativas á aplicación da normativa de amianto

Difusión e asesoramento ás empresas sobre os criterios e precisións relativas á aplicación da normativa de amianto

Tras a actualización da guía técnica de amianto, que o Real decreto 396/2006, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto encomenda ao INSST, o Issga, que é quen tramita en Galicia as autorizacións necesarias para que as empresas poidan realizar traballos con amianto, elaborou unha nova instrución interna que recolle os novos criterios e orientacións prácticas da guía técnica así como outras precisións sobre os trámites administrativos impostos pola normativa.

Obxectivo, destinatarios e soporte

A campaña diríxese ás empresas galegas autorizadas que están a realizar os traballos con risco por amianto, fundamentalmente traballos de retirada de materiais con amianto e outros relacionados con actividades de mantemento e reparación nos que están implicados estes materiais.

O obxecto é dar a a coñecer estes criterios e facilitar orientacións ás empresas e os seus servizos de prevención xa que deberán telos en conta para solicitar a autorización dos traballos, que consiste na aprobación dun plan de traballo con risco por amianto pola autoridade laboral.

Estes criterios foron publicados recentemente na nosa páxina web engadíndolle un novo apartado ao portal de amianto chamado “Criterios e precisións sobre a aplicación do Real decreto 396/2006” dentro da sección de “Requisitos de autorización para realizar traballos con amianto”.

Con todo, e dada a importancia de que as empresas cumpran correctamente cos trámites e as medidas preventivas que a normativa laboral impón a estes traballos, programamos reunións coas empresas especializadas que están a realizar estes traballos para expoñer e aclarar todos os criterios e indicacións publicadas e as dúbidas que poidan xurdir. Convocáronse 4 reunións con este cometido, nos centros territoriais do Issga en Ourense, A Coruña, Pontevedra e Lugo, que se desenvolveron os días 26, 28, 29 de xuño e 6 de xullo .

Con estas actuacións preténdese mellorar a presentación dos plans de traballo e a súa execución incidindo en diferentes requisitos preventivos, tanto para facilitar a axilidade dos trámites administrativos como para garantir a saúde dos traballadores.

Estas actuacións vanse reforzar con visitas ás obras por parte do persoal técnico, e persoal técnico habilitado do Issga co fin de facer o seguimento da correcta execución do plan de traballo segundo as medidas de prevención e protección recollidas no plan previamente aprobado pola autoridade laboral

Hai que recordar que os traballos con amianto non deben ocasionar danos a terceiras persoas (poboación en xeral) e que o amianto está considerado como residuo perigoso e debe ser xestionado como tal (transporte e vertido a vertedoiro autorizado); ambas cuestión son abordadas en todos os traballos autorizados mediante medidas específicas no correspondente plan de traballo.

Tampouco se debe esquecer que respirar fibras de amianto pode provocar serios danos á saúde que non se manifestan de maneira inmediata, e que doses moi baixas de exposición ás fibras do amianto poden desembocar en cáncer de pulmón e de pleura tras longos períodos de latencia, ata 40 e incluso 50 anos despois da exposición. As persoas traballadoras que manipulan estes materiais deben ser especialmente conscientes da importancia de aplicar todas as medidas de prevención e protección necesarias para a evitar danar a súa saúde e o empresariado da súa obriga legal de protexer os traballadores deste contaminante que ten causado e segue causando graves enfermidades e mortes por exposicións que ocorreron no pasado.