Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo_28 de abril
Cada 28 de abril, a Organización Internacional do Traballo conmemora o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, centrándose nun tema prioritario nesta materia. Este ano é “Garantamos unha contorna psicosocial saudable no traballo”.
A contorna psicosocial no traballo defínese polo xeito en que o traballo está deseñado, organizado e xestionado, así como polas prácticas organizacionais que moldean as condicións laborais do día a día. Os factores psicosociais —como a carga de traballo e o tempo de traballo, a claridade de roles, a autonomía, o apoio e os procesos xustos e transparentes— inflúen na forma en que se experimenta o traballo e repercuten na seguridade, a saúde e o desempeño das persoas traballadoras.
Cando os factores psicosociais teñen un impacto negativo, convértense en riscos que, xunto cos físicos, químicos e biolóxicos, deben abordarse e xestionarse para garantir contornas de traballo seguras e saudables. E por iso que se persegue un enfoque organizacional centrado na prevención e analízanse os factores psicosociais en tres niveis: o posto de traballo, a forma en que se xestiona e organiza o traballo, e as políticas, prácticas e procedementos máis amplos que o rexen.
Con motivo desta celebración dende a Xunta de Galicia emítese unha declaración institucional na que se recolle o compromiso do goberno galego para garantir un emprego de calidade e como afronta a través da Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027 a creación de contornas laborais cun enfoque centrado na prevención de riscos psicosociais coma un eixe estratéxico, promove o benestar integral, reforza a cultura preventiva e fomenta unha organización do traballo que protexa a saúde mental e emocional das persoas traballadoras.
Ademais, se organiza, participa e colabora, a través do ISSGA, en diversas eventos, actividades formativas e actos que se indican a continuación.
ACTIVIDADES CONMEMORATIVAS DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO – 28 DE ABRIL
1. ACTOS ORGANIZADOS POLO ISSGA
-
23 de abril_Xornada técnica_webinar
“Construíndo benestar: ferramentas para contornas de traballo psicosocialmente saudables”, en colaboración con Asepeyo
Obxectivo: ofrecer unha visión práctica sobre o marco normativo e estratéxico, a avaliación dos riscos psicosociais e, especialmente, sobre como transformar o diagnóstico en accións mediante ferramentas e recursos aplicables, promovendo contornas laborais máis saudables, participativas e sostibles.
2. COLABORACIÓN NOUTRAS ACTIVIDADES
-
22 de abril_Pontevedra_Mesa redonda
Participación do xefe da Área Técnica Seguridade no Traballo e Hixiene Industrial do Centro Issga_Pontevedra, Diego Castro, nunha mesa redonda xunto con representantes da ITSS, do departamento de Sostibilidade, Seguridade, Saúde Laboral e MA de Ence así como doutras empresas.
-
28 de abril_Sesión informativa no IES Gregorio Fernández de Sarria
Participación do persoal técnico do Issga, Alberto López e María García, nunha sesión informativa sobre seguridade nas máquinas e primeiros auxilios para o alumnado dun curso de Operación auxiliares de fabricación mecánica.
-
29 de abril_IES A Guía_Vigo
Participación do persoal técnico do Centro Issga_Pontevedra, Pablo García, Mª José Camino e Miguel López, nunha “xincana de prevención” para o alumnado do centro.