Novas

Martes, Abril 28, 2026

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo

Imaxe día mundial

A Xunta de Galicia, con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se conmemora o día 28 de abril, reafirma o seu compromiso firme e decidido co benestar das persoas traballadoras situando a seguridade e a saúde laboral coma unha prioridade estratéxica das políticas públicas na nosa comunidade.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) escolleu como lema para o ano 2026 Garantamos unha contorna psicosocial saudable no traballo.

A OIT lembra que o xeito en que se deseña, organiza e xestiona o traballo inflúe directamente na saúde, a seguridade e o desempeño das persoas traballadoras. Os riscos psicosociais —como a carga de traballo, a claridade de roles, a autonomía, o apoio e os procesos xustos e transparentes— deben ser xestionados co mesmo rigor que calquera outro risco laboral. A Xunta súmase plenamente a esta liña de acción, reforzando o seu compromiso coa prevención dos riscos psicosociais e coa promoción de ferramentas, formación e recursos que permitan ás empresas galegas avanzar cara a modelos de traballo máis saudables e sostibles.

O traballo continuo nestes anos realizado por todos os actores da seguridade e saúde laboral propiciou que no ano 2025 en Galicia se reflicta unha redución dos accidentes cualificados como graves e mortais durante a xornada laboral. Isto invítanos a continuar nesta liña e amósanos que é labor de todos os implicados neste complexo e cambiante ámbito das relacións laborais potenciar este compromiso coa seguridade e saúde no traballo e, sobre todo, obríganos a traballar máis e mellor xuntos.

Para consolidar esta dinámica de mellora sostida é prioritario impulsar un enfoque integral da prevención, no que o benestar laboral ocupa un lugar central, insistindo na prevención dos riscos tradicionais, reforzando a xestión preventiva dos riscos psicosociais e considerando a saúde cunha visión global, promovendo estilos de vida saudables que axuden a evitar ou minimizar os sinistros durante a xornada laboral por infartos, derrames e outras patoloxías non traumáticas. Por outra banda, cómpre intensificar tamén as accións para a mellora da seguridade viaria laboral polo incremento dos accidentes de tráfico durante a xornada.

Galicia conta con dous instrumentos de planificación que son froito do consenso coas organizacións sindicais e empresarial galega, por unha banda a Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027 coma ferramenta a medio prazo para desenvolver de forma ordenada e eficaz as políticas do Goberno galego nesta materia e, por outra, o plan anual de actuación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) co que se executa a dita estratexia e con carácter anual se concretan os programas a actuacións que teñen como obxectivo principal a redución da sinistralidade laboral a través dunha adecuada xestión dos riscos nos lugares de traballo, atendendo tanto aos novos e emerxentes como aos tradicionais.

Entre as novidades para este ano destaca a posta en marcha dun plan de choque específico fronte aos accidentes recorrentes e ás situacións de risco que se manteñen no tempo, co obxectivo de achegarse directamente aos lugares de traballo cun asesoramento técnico específico que redunde na mellora da sinistralidade laboral. Outra iniciativa que compre subliñar é a recente presentación do primeiro portal autonómico de España para reforzar a prevención de riscos laborais con nanomateriais.

Neste plan refórzase a atención aos riscos psicosociais, ergonómicos e ás novas realidades do traballo, prestando especial atención ao estrés laboral, o retorno ao traballo tras unha baixa laboral, os factores psicosociais en sectores feminizados e o teletraballo, entre outros aspectos. Neste ámbito saliéntase o reforzo do Laboratorio de riscos psicosociais, desenvolvido coa Universidade de Santiago de Compostela, intensifícanse as actuacións fronte á exposición a axentes perigosos, como o amianto ou a sílice cristalina respirable, entre outros, combinando campañas de sensibilización, asesoramento técnico e actuacións de comprobación e formación.

Cómpre mencionar tamén a declaración de 2026 como Ano da Seguridade e Saúde no Traballo nun momento marcado pola necesidade de reforzar o benestar físico, mental e social das persoas traballadoras e visualizar a importancia da prevención como piar de cohesión social, competitividade económica e sustentabilidade do sistema produtivo.

O Goberno galego recoñece o esforzo de todas as persoas, entidades e organizacións que contribúen cada día a mellorar as condicións de traballo en Galicia. Os avances acadados impúlsannos a seguir traballando con determinación fortalecendo a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento en materia preventiva para avanzar cara a unha sociedade máis segura, saudable e socialmente responsable que consolide unha cultura preventiva sólida, baseada no consenso, na corresponsabilidade e o benestar integral das persoas traballadoras.