Motivación
O sector vitivinícola galego, ademais de ser un elemento básico do sector primario da nosa economía, tamén é un referente de identidade da nosa comunidade autónoma baseado na tradición e o bo facer de moitas familias do ámbito rural de Galicia.
Responde a un colectivo sometido a riscos de especial interese por canto o seu persoal traballador está exposto a circunstancias asociadas tanto ás formas tradicionais de produción coma as formas de traballo derivadas das importantes innovacións tecnolóxicas que se teñen producido no sector, e que poden ser causa potencial de accidentes ou de enfermidades profesionais.
O ISSGA ven marcando o sector primario, en particular a actividade vitivinícola, como un sector de actuación preferente pola súa importancia económica e estruturadora do territorio, tanto no asesoramento técnico a empresas, na promoción da prevención de riscos laborais, na elaboración de documentación técnica así como da realización de diversas actividades formativas e informativas no sector.
Obxectivo
Difundir e sensibilizar da importancia da prevención de riscos laborais no sector vitivinícola coa presentación actualizada da documentación técnica sobre o traballo na viña, na vendima e na adega nas que, dun xeito moi gráfico e visual, pódense identificar os riscos laborais e medidas preventivas asociados a este traballos que permitan tanto unha diminución da sinistralidade laboral como a mellora das condicións de traballo das persoas empregadas nese sector.
Con ela búscase facer facilmente accesibles e comprensibles os tipos riscos e as medidas preventivas para as persoas traballadoras e as que se están formando para incorporarse a o mercado laboral neste sector.
Destinatarios
Acción dirixida ás empresas e persoal das adegas das cinco denominacións de orixe do viño galegas (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras e Monterrei) e das cinco indicacións xeográficas protexidas (Viño da Terra de Barbanza e Iria, Viño da Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño-Ourense e Terras do Navia), así como aos colectivos do sector do viño non incluídos nestas DO e IXP e ás futuras persoas traballadoras deste eido.
Documentos técnicos
Nesta documentación poden identificar os lugares e as tarefas habituais para as persoas traballadoras deste sector, así como os equipos e máquinas que empregan a diario, co fin de coñecer e evitar os riscos laborais aos que se enfrontan e mellorar as condicións de traballo das persoas empregadas nese sector.
Reflíctense os riscos presentes na preparación do terreo ou nos tratamentos ás cepas, como os derivados do traballo no exterior (exposición solar e calor, frío e humidade), do uso de equipos de traballo (tractor, apeiros, rozadoira, motoserra, aramios...) ou de produtos fitosanitarios, así como os trastornos musculoesqueléticos ou pola manipulación de cargas. Nese sentido, pode haber caídas ao mesmo ou distinto nivel, exposición excesiva ao ruído ou vibracións e alerxias a determinados produtos, entre outros.
Prevención de riscos na vendima
No que ten que ver coa vendima, recóllense os riscos laborais durante os traballos da recollida da uva, o momento do proceso produtivo no que máis cantidade de persoas traballadoras conflúen simultaneamente.
Neste caso cómpre subliñar os riscos laborais asociados ao uso de equipos (caídas a distintos nivel), de vehículos e remolques (circulación, enganche e desenganche), aparellos elevadores (sobre todo nalgunhas denominacións de orixe pola inclinación do terreo), o uso de ferramentas manuais e os trastornos musculoesqueléticos e a manipulación de cargas.
Recóllense os principais riscos e medidas preventivas asociadas aos traballos en adegas, que comprenden desde a recepción da uva na vendima, ata a saída do viño da adega. Así mesmo, recolle os riscos relativos á seguridade dos lugares de traballo e dos equipos, así como os riscos do ambiente de traballo, o uso seguro de substancias e mesturas e a manipulación manual de cargas.
Nos tres documentos inclúense aspectos transversais como a perspectiva de xénero, as medidas de emerxencia, os primeiros auxilios, a utilización de EPI ou a lexislación aplicable.
Plan de prevención
É no plan de prevención de riscos laborais da empresa onde deben quedar reflectidos estes riscos, no que, ademais de manifestar a política da empresa, deberá incluír a estrutura organizativa, as responsabilidades, as funcións, a avaliación de riscos, a planificación de accións, os procedementos, os procesos e os recursos necesarios para desenvolver de forma óptima a acción preventiva no seo da empresa.
A identificación e valoración dos riscos existentes en cada proceso son fundamentais para posteriormente establecer as medidas preventivas necesarias co fin de minimizar as ameazas que estas xeran na integridade física, psíquica e social do persoal traballador.
Soportes e difusión
As publicación están dispoñibles en soporte físico e dixital, en galego e castelán.