O sector vitivinícola galego, ademais de ser un elemento básico do sector primario da nosa economía, tamén é un referente de identidade da nosa comunidade autónoma baseado na tradición e o bo facer de moitas familias do ámbito rural de Galicia.
Responde a un colectivo sometido a riscos de especial interese por canto o seu persoal traballador está exposto a circunstancias asociadas tanto ás formas tradicionais de produción coma as formas de traballo derivadas das importantes innovacións tecnolóxicas que se teñen producido no sector, e que poden ser causa potencial de accidentes ou de enfermidades profesionais.
O ISSGA ven marcando o sector primario, en particular a actividade vitivinícola, como un sector de actuación preferente pola súa importancia económica e estruturadora do territorio, tanto no asesoramento técnico a empresas, na promoción da prevención de riscos laborais, na elaboración de documentación técnica así como da realización de diversas actividades formativas e informativas no sector.
O obxectivo deste documento é difundir e sensibilizar a importancia da prevención de riscos laborais no sector vitivinícola coa presentación actualizada da documentación técnica sobre o traballo na adegas, que inclúen os traballos dende a recepción da uva no período de vendima ata a saída do viño para a súa comercialización pasando por todos os procesos de elaboración, embotellado e almacenaxe.
A diversidade de tarefas a levar a cabo e a concorrencia en certas operacións de persoal alleo a adega fai necesario fomentar a concienciación no sector sobre a perigosidade das tarefas asociadas a este proceso produtivo facendo un esforzo por achegala a todo o persoal implicado.
No documento Os Actúa do Issga_Prevención de riscos na adega recóllense os principais riscos e medidas preventivas asociadas aos traballos nas adegas: relativos á seguridade dos lugares de traballo e dos equipos, ambiente de traballo, o uso seguro de substancias e mesturas e os trastornos musculo-esqueléticos derivados da manipulación manual de cargas. Tamén se abordan aspectos transversais como a perspectiva de xénero, as medidas de emerxencia, os primeiros auxilios ou a utilización de EPI.