Venres, Xuño 16, 2023
A xunta imparte unha xornada para evitar riscos laborais ante a exposición de axentes nocivos nos espazos de traballo
- A xornada técnica realízase en formato mixto, de xeito presencial no centro do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) da Coruña e emitida en streaming a través da canle audiovisual do instituto
- Na actividade tomaron parte traballadoras e traballadores, tanto nos talleres de pedra natural e aglomerados de cuarzo, como na colocación destes materiais en obra e domicilios
- O ISSGA lanza en paralelo a campaña Prevención da exposición a sílice cristalina respirable en talleres e obras para concienciar e sensibilizar a este sector
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023.- O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade, organizou hoxe unha xornada de prevención de riscos laborais ante a exposición de axentes nocivos en espazos de traballo. En colaboración co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), o Instituto Nacional de Silicose (INS) e o servizo de prevención de REPSOL petróleo CI da Coruña, desenvolveuse esta iniciativa, de dúas horas de duración, de xeito presencial no centro ISSGA da Coruña e emitiuse tamén en streaming a través da canle audiovisual do Instituto.
Na xornada avaliáronse, entre outros, as novidades derivadas da recente actualización da Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) sobre a prevención dos riscos por exposición a axentes tóxicos e sobre a atención na prevención da exposición á sílice cristalina respirable (SCR) no ámbito laboral.
Esta actividade formativa enmárcase dentro do plan de actuación do ISSGA do ano 2023 na súa aposta pola promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade. O ISSGA desenvolve desde a súa creación diferentes actuacións dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas con exposición a axentes tóxicos como é por exemplo a sílice cristalina respirable.
Neste eido e de xeito paralelo, o ISSGA realiza a nova campaña Prevención da exposición a sílice cristalina respirable en talleres e obras para concienciar e sensibilizar ao sector que traballa tanto a pedra natural como os chamados aglomerados de cuarzo, ben no taller ou ben na obra ou colocando estes materiais nos domicilios.
A campaña identifica dun xeito claro as operacións de risco e as medidas preventivas que se deben aplicar para evitar riscos laborais ante a exposición de axentes tóxicos nos espazos laborais.
Esta campaña forma parte da estratexia da Unión Europea en materia de seguridade e saúde no traballo co obxectivo común de aumentar a concienciación sobre os riscos da exposición de axentes nocivos no traballo e intercambiar coñecementos nesta materia.