Campañas

Prevención da exposición a sílice cristalina respirable en talleres e obras

O marco estratéxico da Unión Europea en materia de Seguridade e Saúde no Traballo establece 3 grandes obxectivos transversais, un deles “Mellorar e prevención de accidentes e enfermidades relacionadas co traballo” facendo unha mención explícita neste obxectivo á importancia das medidas contra o cáncer no lugar de traballo como elemento esencial do Plan Europeo de Loita contra o Cáncer e á estratexia da “Folla de ruta sobre canceríxenos” que xunta esforzos dos Estados Membros e interlocutores sociais no obxectivo común de aumentar a concienciación sobre os riscos da exposición a canceríxenos no traballo e intercambiar coñecementos para combater o cáncer de orixe laboral, a principal causa de mortalidade no traballo en Europa.

A nova Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 concreta este gran obxectivo transversal do marco europeo incidindo, na liña 2 do obxectivo 1, na importancia da prevención das enfermidades profesionais, con especial énfase no cáncer de orixe profesional e promovendo a creación dunha “Axencia Nacional para a Prevención do Cáncer de orixe Profesional” e, na súa liña 3, no desenvolvemento de actuacións para impulsar a prevención da exposición das persoas traballadoras a substancias e axentes perigosos incluídos os axentes canceríxenos e en concreo o po de sílice cristalina respirable (en adiante SCR) mediante a promoción do mellor coñecemento das condicións de traballo e a constitución dun grupo de traballo na Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo que aborde os diferentes sectores implicados na exposición a este contaminante.

Como non pode ser doutro xeito a Estratexia Galega de SST, actualmente en negociación, incorporará tamén nos seus obxectivos estratéxicos e liñas de actuación a loita contra as enfermidades relacionadas co traballo, en especial contra o cáncer laboral e a prevención da exposición a SCR.

SCR: sectores afectados en Galicia

Na nosa comunidade autónoma temos unha importante industria da lousa e do granito, sectores nos que é necesario o control da exposición a este contaminante así como no sector dos áridos e nos talleres nos que se traballa tanto a pedra natural como os aglomerados, sen esquecer o persoal que instala estes materiais nas obras e domicilios.

O Isgga ven desenvolvendo dende o momento da súa creación diferentes actuacións dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas nas que pode haber exposición a SCR que se foron plasmando todos os anos no seu plan de actuación mediante estudos epidemiolóxicos médico-técnicos, publicacións dirixidas ao sector, grupos de traballo específicos, desenvolvemento de programas de asesoramento e control e xornadas técnicas entre outros, tendo sempre como obxectivo final a erradicación da silicose na nosa comunidade autónoma.

A aplicación da normativa sobre axentes canceríxenos a este contaminante é un reto engadido para as empresas que deben aplicar as mellores técnicas e medidas preventivas dispoñibles para evitar e, cando non sexa viable, baixar o nivel de exposición tanto como sexa posible e sempre por debaixo do valor límite imposto pola lexislación. As administracións á súa vez debemos proporcionar ás empresas dos sectores afectados o asesoramento adecuado.

Neste sentido, o plan de actuación do Issga do ano 2023, recolle dentro do eixe EIXE 5 “Promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade”, na ficha “5.15 Axentes canceríxenos e mutáxenos” as seguintes actuacións nas que se enmarca esta campaña:

  • Realizar actuacións de comprobación, información e sensibilización específicas nos traballos con risco de exposición a po de sílice nas seguintes actividades: lousa, granito, construción, aglomerados de cuarzo, etc., debido a súa consideración como axente canceríxeno.

Obxectivo, destinatarios e distribución

A campaña diríxese ao sector que traballa tanto a pedra natural como os chamados aglomerados de cuarzo, ben no taller ou ben na obra ou colocando estes materiais nos domicilios co fin último de evitar que as persoas que desenvolven estes traballos contraian silicose, incluso nalgúns casos a chamada silicose acelerada, aumentando ademais o risco de padecer cáncer de pulmón.

Preténdese concienciar e sensibilizar a este sector, tanto ao empresariado como ao persoal traballador, sobre os ricos da exposición a SCR e as medidas de prevención e protección coas que necesariamente se deben desenvolver os traballos cando non se poida evitar a presenza de SCR.

O material informativo elaborado difundirase ás empresas galegas que traballan no sector, tanto dende a nosa páxina web como mediante as principais asociacións empresariais e sindicais implicadas co fin de que se achegue esta información ao maior número de empresas e persoas traballadoras afectadas.

A duración será plurianual, comezarase coas actuacións de sensibilización utilizando o material elaborado especificamente para a campaña e contemplando futuras actuación de asesoramento e control a empresas do sector.

Soportes e contido

Elaborouse en formato impreso e dixital, en galego e castelán, un documento técnico informativo específico “Prevención da exposición a sílice cristalina respirable en talleres e obra”, no que se aborda dun xeito claro e sintético:

  • Os graves danos para a saúde que pode causar a inhalación de SCR, tanto silicose como cáncer de pulmón
  • Cales son as operacións de maior risco, é dicir as que poden xerar po de SCR
  • As principais obrigas legais como son a de avaliar especificamente a exposición a este contaminante e actuar en consecuencia aplicando todas as medidas de prevención e protección necesarias e informar e formar ao persoal traballador.
  • As principais medidas de prevención e protección que necesariamente se deben aplicar cando estea presente o contaminante nos lugares de traballo , sen esquecer as medidas de prevención específicas cando se fai a montaxe e instalación de pezas en obras ou domicilios particulares, como é o caso da instalación de encimeiras nas cociñas.

Tamén forman parte dos soportes, un banner para a páxina web e unha imaxe para difundir en redes sociais.

Documentación