luns, Maio 2, 2022

A Xunta destaca en Cedeira a presenza prioritaria e permanente da pesca nas actuacións do ISSGA para mellorar as súas condicións de seguridade laboral

A Xunta destaca en Cedeira a presenza prioritaria e permanente da pesca nas actuacións do ISSGA para mellorar as súas condicións de seguridade laboral
  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe, a bordo do palangreiro Torre del Paine un curso de prevención de riscos laborais na pesca dirixido a técnicos de prevención
  • Sinalou a importancia de concienciar acerca da necesidade de mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral nos barcos de pesca e, de aí, o obxectivo da xornada técnica de formación celebrada hoxe

Cedeira (A Coruña), 2 de maio de 2022.- A bordo do palangreiro Torre del Paine no porto de Cedeira, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada da xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe o curso de prevención de riscos laborais na pesca para técnicos de prevención. Mancha sinalou que o sector pesqueiro, un dos primeiros axentes da economía galega, ten un papel prioritario e permanente nos plans anuais de actuación do Issga.

Tal e como explicou a directora xeral, é fundamental concienciar acerca da necesidade de mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral nos barcos de pesca e, de aí, o obxectivo da xornada técnica celebrada hoxe en Cedeira, dirixida ao persoal técnico que desenvolve a súa actividade na pesca, co fin de que estes traballadores teñan unha formación cualificada teórica-práctica e coñezan e teñan unha relación directa co sector. 

“Trátase de dotar dos mellores coñecementos e habilidades aos técnicos dos servizos de prevención, como ao propios do Issga e aos que levan a representación nas organizacións sindicais e empresariais para prestar un servizo de calidade desde o coñecemento e o rigor técnico”, engadiu Mancha.

O traballo a bordo dos buques de pesca conleva, segundo apuntou, numerosas situacións de risco para os traballadores do sector, derivadas das condicións meteorolóxicas e do mar, do traballo en cuberta, do manexo das artes de pesca e da exposición a outros axentes físicos, químicos e biolóxicos.

As caídas por tropezos e esvaróns, xunto cos sobreesfuerzos e os choques ou golpes contra obxectos son os accidentes máis frecuentes, sendo os afogamentos e os atrapamentos e choques con elementos en tensión os que teñen as peores consecuencias.

Por iso, o sector da pesca e afíns forma parte da realización de actuacións de asesoramento, información e sensibilización específicas para reducir a sinistralidade laboral, tal como recolle o Plan de actuación do Issga para o ano 2022, no que tamén figuran actuacións como a realización de visitar busques pesqueiros ou o impulso dunha adecuada declaración das enfermidades profesionais, especialmente no caso das actividades máis feminizadas, como redeiras ou mariscadoras, entre outras.

Plan nacional

O Issga, ademais, participa no grupo de traballo do sector marítimo pesqueiro da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), desde a que se deseñou un plan nacional de sensibilización para o sector pesqueiro, dispoñible na web do Issga, http://issga.xunta.gal/portal/.  O seu obxectivo é aumentar a concienciación das persoas que traballan no sector pesqueiro acerca da importancia da seguridade marítima e da seguridade e saúde no traballo co fin de reducir a sinistralidade. Como entidade coordinadora en Galicia, o Issga colabora con todas as asociacións do sector na divulgación dos seus contidos.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia vén tamén elaborando diverso material técnico e divulgativo en diferentes formatos, como son os documentos Lembra que pretenden, dende unha visión técnica precisa, ser un material didáctico e de fácil compresión, e adaptado aos traballadores deste sector, que, segundo avanzou Mancha, serán obxecto dunha actualización técnica e normativa durante este ano, así como o material audiovisual que está a disposición a través da canle audiovisual do Instituto, na que se pode acceder a documentos sobre os riscos e medidas preventivas da actividade de colleita de recursos específicos en mergullo, no cultivo e recollida do mexillón ou nas medidas preventivas que se deben adoptar respecto aos equipos de traballo a bordo de buques, entre outros.

Estes materiais teñen por obxectivo explicar a normativa que atinxe aos equipos e o mantemento que requiren. Para incrementar a sensibilidade, o Issga emprega exemplos de casos reais cos que poñer de manifesto as súas causas e as medidas preventivas que os terían evitado.

Todas estas actuacións, tal e como concluíu Mancha, reafirman o compromiso do Issga coa formación e información para a mellora continua das condicións de seguridade e saúde do sector da pesca.