Novas

Xoves, Setembro 04, 2025

A Xunta desenvolve en 2025 preto dunha trintena de campañas de prevención no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo: horizonte 2027

imaxe issga parlamento
  • A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, compareceu por petición propia no Parlamento para informar do desenvolvemento dos programas que impulsa o organismo.
  • No marco do Plan de acción do Issga deste ano, destacou como novidade actuacións nos talleres de reparación de vehículos, nas empresas de xestión de residuos e a de riscos ergonómicos na actividade da industria conserveira, entre outras

 

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, compareceu hoxe por petición propia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego co obxecto de informar do desenvolvemento dos programas que impulsa o Issga ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo: horizonte 2027. Na súa intervención, destacou que a Xunta ten previsto impulsar neste 2025 un total de 26 campañas de promoción da prevención e redución da sinistralidade poñendo de relevo,  pola súa novidade, a que se realizará nos talleres de reparación de vehículos, a campaña de identificación de riscos nas empresas de xestión de residuos e a de riscos ergonómicos na industria conserveira, así como as actuacións de seguimento e control no sector do naval e no da construción e a particular dedicación á especialidade de ergonomía e psicosocioloxía.  

Enmarcando o traballo do Issga na busca permanente da redución da sinistralidade laboral a través dunha axeitada xestión dos riscos nos lugares de traballo, Quinzá-Torroja puxo en valor a atención tanto aos riscos novos e emerxentes como aos tradicionais non totalmente resoltos. Nese senso, referiuse a accións concretas como as campañas para a identificación do risco químico ou dos materiais con amianto, ao traballo encamiñado á prevención do cancro de orixe profesional, á campaña de prevención da exposición á silicose cristalina en talleres e obras, ao asesoramento sobre o radon no ámbito laboral, á acción para a prevención da fatiga e somnolencia ao volante ou á prevención nos traballos con nanomateriais.

Canto aos novos escenarios, están previstas campañas e documentos técnicos de apoio ás pequenas e medianas empresas para a incorporación da perspectiva de xénero na xestión da prevención de riscos laborais, para a xestión da idade e diversidade xeracional e arredor das chaves sobre dixitalización. Aludiu especialmente ao Laboratorio de riscos psicosociais creado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, no marco do que se creará este 2025 un portal temático e se traballará para xerar e compartir coñecemento sobre xestión do estrés laboral, resolución de conflitos ou retorno ao traballo tras unha baixa.  

Sobre os labores que se veñen consolidando nos últimos tempos, a xerente do Issga apuntou campañas de sensibilización, asesoramento e seguimento da xestión preventiva como as do risco de caída de altura e traballos sobre superficies fráxiles, atrapamentos e cortes, adecuado uso e bo mantemento dos equipos de protección ou uso de escadas.

Por colectivos, incídese nos especialmente sensibles ou vulnerables, priorizando actuacións en actividades feminizadas, as dirixidas á protección da maternidade no ámbito laboral, os programas destinados ao persoal do sector dos coidados e á promoción da seguridade nos traballadores por conta propia.

No aspecto formativo, recordou a importancia de seguir estando presente nos concellos para garantir unha silvicultura segura ou un correcto manexo da motoserra. Tamén mencionou os cursos de prevención destinados ás persoas traballadoras de atención a persoas dependentes e de axuda no fogar, incidindo nos seus riscos ergonómicos, biolóxicos e psicosociais.