Novas

Martes, Maio 31, 2022

A Xunta asesora sobre as obrigas que teñen as empresas na prevención de riscos psicosociais e como levar a cabo a súa correcta xestión

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, presentou hoxe por videoconferencia a xornada formativa Criterio técnico de Inspección de Traballo sobre riscos psicosociais: que obrigas supón para as empresas? do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)
  • No webinario participaron máis de 350 responsables de prevención, xestores de equipos e, en xeral, persoas interesadas en mellorar a saúde emocional

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o webinario Criterio técnico de Inspección de Traballo sobre riscos psicosociais: que obrigas supón para as empresas?, unha nova xornada formativa do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) coa que colaborou MCMutual para informar sobre as obrigas que teñen as empresas e como deben levalas a cabo para a correcta xestión preventiva dos riscos psicosociais.

Mancha sinalou que é preciso que as empresas avalíen e xestionen de xeito correcto os riscos psicosociais, xa que apuntou que supoñen un dos problemas de seguridade e saúde no traballo máis complexos, afectando á saúde das traballadoras e traballadores, ao absentismo e á produtividade das compañías. A directora xeral lembrou que a directiva marco que dá lugar á Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga legal dos empresarios de protexer ao persoal traballador contra todos os riscos no lugar de traballo, incluídos os psicosociais.

Os factores deste tipo de risco poden estar presentes en toda clase de traballo, con independencia das súas distintas particularidades. “Teñen unha orixe multicausal, polo que a avaliación non se diferencia do resto de especialidades e débese dirixir polas mesmas regras”, apuntou, ao tempo que destacou a necesidade de que se avalíe o impacto dos riscos psicosociais desde a perspectiva de xénero, xa que estes riscos teñen influencia de maneira diferente nas mulleres e nos homes.

En palabras de Mancha, a xestión psicosocial reflicte o compromiso de toda a organización na xestión dos riscos cuxos efectos redundarán nunha mellora da produtividade e xestión de equipos de traballo, do clima laboral, da satisfacción do cliente, dos índices de saúde xerais da organización e da imaxe corporativa da entidade. “É preciso implantar métodos que nos axuden a realizar avaliacións dos riscos axeitadas, nas que se inclúa esa perspectiva de xénero e que se analicen os riscos psicosociais con toda a profundidade necesaria”, concluíu.

No webinario participaron máis de 350 persoas entre responsables de prevención de riscos laborais, xestores de equipos, outros profesionais relacionados coa saúde laboral e, en xeral, persoas interesadas en mellorar a saúde emocional.