Mércores, Maio 29, 2019
Xornada técnica sobre liderado en PRL, hoxe no centro do Issga de Lugo
Na presentación inicial explicamos o novo enfoque da saúde no entorno de traballo e propomos utilizar ese valor da saúde como elemento motivador para exercer un liderado visible e eficaz. A diferenza do liderado formal e o liderado colaborativo exércese dende o noso poder persoal e a nosa credibilidade.
Nos diferentes relatorios analizamos como a intelixencia emocional é a condición sine qua non de liderado. Veremos cales son os catro compoñentes da intelixencia emocional e a súa aplicación ao liderado.
Examinaremos se a intelixencia emocional se pode aprender. Ademais, exploraremos como a creación de valor na era da colaboración é unha viaxe transformadora na que a intelixencia colectiva capacitará ás organizacións a adaptarse con rapidez e crecer nun entorno de cambios acelerados.
É necesario, polo tanto, un liderado diferente e transformador para xerar nas organizacións un cambio cultural en prol da excelencia, da saúde empresarial e da sustentabilidade propia e do planeta. As claves: empatía, influencia e adaptación.
Con esta xornada pretendemos comprender por qué o liderado constitúe unha das principais preocupacións das organizacións en vistas á súa eficaz contribución á consecución de obxectivos comúns, así como asumir o liderado como proceso dinamizador no que o líder xera nas organizacións unha transformación cultural en prol da mellora continua e a excelencia, a saúde individual e colectiva.