martes, Febreiro 14, 2023

Visita ao ISSGA do alumnado do ciclo superior de Prevención de Riscos Profesionais do IES Politécnico de Vigo

Rande-Redondela, 14 de febreiro de 2023. Hoxe recibimos a visita nas instalacións do Centro ISSGA de Pontevedra do alumnado do ciclo superior de Prevención de Riscos Profesionais do IES Politécnico de Vigo, formado por dez alumnas e alumnos e o seu titor. No centro, ao longo de case tres horas, fixeron unha visita ao Laboratorio de Referencia de Hixiene Analítica, ao circuíto de medicina e a Escola de Prevención.

No Laboratorio de Referencia de Hixiene Analítica puideron ver o equipamento empregado para a determinación dos diferentes contaminantes laborais presentes nas mostras hixiénicas. En cada unha das salas do laboratorio (gravimetría, microscopía, cromatografía e espectrometría) déuselles unha breve explicación dos principais procedementos de toma de mostra e análises empregados en hixiene industrial seguindo os métodos do INSST. Lembráronse as características básicas da toma de mostra (equipos, soportes de mostraxe e condicións da toma de mostra) e as condicións de envío, continuando coa recepción e conservación das mostras no laboratorio, para terminar co tratamento que se lle dá a cada unha das mostras no laboratorio ata obter o resultado analítico. Por último, tamén se explicou como hai que interpretar o informe analítico. Trátase de que o alumnado se dea conta da importancia dunha correcta toma de mostra e que coñeza que sucede con elas unha vez que as envían ao laboratorio.

No circuíto de medicina fixeron un percorrido polas distintas salas nas que se realizan as probas médicas, visitaron a sala de extracción e o laboratorio de análises clínicas, onde puideron ver o equipamento utilizado para a realización das determinacións clínicas: hematolóxicas, bioquímicas e na urina.

Durante a visita a Escola de Prevención percorreron as diferentes zonas que inclúe este espazo: recepción e equipamento, audiovisual, documentación e actividades. Explicóuselles a importancia de integrar o concepto de prevención, de xeito transversal e fronte aos riscos que lles son propios, dende os primeiros anos da súa formación e ata a súa incorporación ao mercado laboral, introducindo a cultura preventiva dun xeito didáctico, ameno e adecuado á súa idade.