Novas

Mércores, Decembro 11, 2013

Técnicos do ISSGA colaboran na formación dos usuarios profesionais de productos fitosanitarios de nivel cualificado

Técnicos do Centro do ISSGA de Ourense colaboran durante este ano coa Consellería de Medio Rural e do Mar na impartición de tres cursos de capacitación como usuarios profesionais de produtos fitosanitarios de nivel cualificado. O terceiro destes cursos, que teñen unha duración de 60 horas, remata o vindeiro 20 de decembro co que serán preto de 100 as persoas que realizaron esta formación durante este ano.
Os cursos foron impartidos tanto na provincia de Ourense como na de Lugo e os técnicos do ISSGA participaron na parte relativa á perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde das persoas, e moi especialmente na súa consideración como traballadores, que inclúe os riscos para o aplicador, as intoxicacións e outros efectos sobre a saúde, a vixilancia sanitaria da poboación exposta a praguicidas, as prácticas de primeiros auxilios, así como na parte dedicada a medidas para reducir os riscos sobre a saúde, que comprende os niveis de exposición do operario, os posibles riscos derivados de realizar mesturas de produtos, as medidas preventivas e de protección do aplicador e os equipos de protección individual, así como tamén una parte práctica dedicada á identificación e utilización de EPI.
 
O Real decreto 1311/2013 define, no seu artigo 3, o usuario profesional como calquera persoa que use produtos fitosanitarios no exercicio da súa actividade profesional, incluídos os operadores, técnicos, empresarios ou traballadores autónomos, tanto no sector agrario coma noutros sectores. Así mesmo, este real decreto crea o Rexistro Oficial de Produtores e Operadores (ROPO), que comprende, entre outras, a actividade de manipulación e utilización de produtos fitosanitarios de uso profesional (nel deben estar inscritos todos os operadores profesionais que traballen fabricando, formulando, comercializando, manipulando, transportando ou aplicando). Tamén se definen as figuras do distribuidor e do asesor, entre outros conceptos. A normativa distingue as aplicacións profesionais tanto no ámbito agrario como no ámbito non agrario.
 
En canto aos usuarios non profesionais, que non deben cumprir os mesmos requisitos, teñen limitado o acceso e compra soamente aos produtos definidos no Anexo VIII.1 e a aplicación soamente a uns determinados espazos (xardíns, hortos domésticos, ..) e volumes de fitosanitarios (1 l. en aerosois ou produtos diluídos; 500 gr. / 500 ml. para calquera outro tipo de preparados) que, en todo caso, terán o control dos distribuidores no momento da venta.
 
Tamén recolle esta normativa a inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola dos equipos de tratamento que se utilicen para a aplicación de fitosanitarios, que deberán pasar as súas correspondentes inspeccións periódicas.
 
No tocante a formación, esta norma establece que a partires do 26 de novembro de 2013, as comunidades autónomas deben garantir o acceso á formación aos usuarios profesionais segundo o tipo de capacitación requirido, e que a partir do 26 de novembro de 2015 só se poderán subministrar produtos fitosanitarios para uso profesional aos titulares dun carné que acredite a formación establecida, previa inscrición no Rexistro Oficial de Produtores e Operadores (ROPO). Algúns destes aspectos xa viñan sendo esixibles en Galicia por mor da normativa propia do ano 2009.
 
Estas accións complementan as que leva realizando o ISSGA no sector primario a través do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible, entre as que destacan 43 cursos específicos de seguridade e prevención de riscos laborais en actividades do sector agrogandeiro e forestal, diversas xornadas técnicas sobre a prevención en horta e invernadoiros e os equipos de aplicación de fitosanitarios, ou a colaboración en estudos epidemiolóxicos relativos a incidencia na saúde dos aplicadores de praguicidas.