Novas

Mércores, Decembro 10, 2025

Reunión do ISSGA

foto reunión nadal ISSGA

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, e a subdirectora técnica, Encarna Sousa, actuaron como relatoras na xuntanza celebrada onte, na que presentaron o deseño do traballo previsto para o ano 2026.

Todo o persoal das distintas sedes do ISSGA foi convocado a esta reunión interna de carácter técnico, coa finalidade de avanzar e compartir os contidos do Plan de Actuación 2026, previamente presentado ao Consello Reitor e que será aprobado por orde da consellería de adscrición do Instituto.

O encontro permitiu achegar ao persoal técnico das diferentes especialidades, así como ao persoal administrativo e de xestión, unha visión conxunta dos programas e campañas que integran o Plan de Actuación, estruturado en 6 eixes e desenvolvido a través de 75 fichas de actividade.

Ao longo da sesión abordáronse aspectos clave como os novos estudos e análises estatísticas, o impulso á dixitalización e ao uso da intelixencia artificial, os programas sectoriais e por actividades, as liñas de investigación e asistencia técnica, as actuacións dirixidas a colectivos de especial atención, o plan de choque fronte aos accidentes graves e mortais, as campañas de promoción da prevención e redución da sinistralidade laboral, as accións en materia de documentación e formación, así como as iniciativas destinadas a fortalecer a promoción da saúde no traballo.

Todo este traballo enmárcase na execución da Estratexia de SST de Galicia: horizonte 2027, da que o ISSGA é o principal executor, así como no desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Española de SST, responsabilidade compartida co conxunto das comunidades autónomas.

Ademais do seu carácter técnico, a xuntanza serviu tamén como punto de encontro e espazo de convivencia para o persoal do Instituto, permitindo celebrar conxuntamente o Nadal e compartir bos desexos para o ano 2026, reforzando ao tempo o compromiso colectivo de continuar avanzando cara a contornas laborais máis seguras, saudables e comprometidas coa prevención de riscos.