Venres, Abril 20, 2018
Realizamos a segunda das xornadas técnicas sobre os sistemas de xestión de PRL no centro Issga de Lugo
- Esta xornada técnica forma parte das actividades que organiza o ISSGA con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo que se celebra o 28 de abril de 2018.
Lugo, 20 de abril de 2018. O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organizou dúas xornadas técnicas os días 19 de abril en Ourense e 20 de abril en Lugo nas que se abordaron temas relativos aos sistemas de xestión da prevención de riscos laborais.
O obxectivo final desta actuación é destacar a importancia da xestión da prevención de riscos laborais, de cara á súa integración no sistema xeral de xestión da empresa. Así mesmo, tamén se analizará o impacto a nivel nacional dunha iniciativa do calado da ISO 45001 aplicable de forma voluntaria a nivel internacional.
Esta actividade estaba enfocada a todos os sectores e tipo de empresas, traballadores autónomos, así como a todas as figuras implicadas na xestión tanto da empresa como da prevención ou a futuros profesionais como é o caso dos alumnos de FP.
Sistemas de xestión da PRL
O deber de integración da prevención no sistema xeral de xestión da empresa soamente é abordable mediante o emprego de ferramentas que permitan xestionar a prevención de riscos laborais e ao mesmo tempo integrala coas outras funcións que se levan a cabo dentro das empresas.
O sistema de xestión de seguridade e saúde no traballo abarca unha disciplina que trata de previr as lesións e as enfermidades causadas polas condicións de traballo, ademais da protección e promoción da saúde dos empregados.
Ten o obxectivo de mellorar as condicións laborais e o ambiente no traballo, ademais da saúde no traballo, que leva a promoción do mantemento do benestar físico, mental e social dos empregados.
Consiste en realizar un desenvolvemento dun proceso lóxico e por etapas, baseado na mellora continua, co fin de anticipar, recoñecer, avaliar e controlar todos os riscos que poidan afectar á seguridade e a saúde no traballo.
No desenvolvemento das xornadas explicáronse os sistemas de xestión da PRL, incidindo sobre aspectos coma as directrices da OIT ou sobre distintas ferramentas que o INSSBT pon a disposición das empresas, dos traballadores e dos servizos de prevención, para facer mais doada esta xestión e integración da PRL.
Nova norma ISO 45001:2018
Recentemente, o 12 de marzo de 2018, vénse de publicar a nova ISO 45001:2018 “Sistemas de xestión da seguridade e saúde no traballo”. A dita norma prevese que sexa compatible nos seus aspectos mais básicos, na estrutura de alto nivel, con outras ISO de sistemas de xestión, tales coma as de calidade e medio ambiente.
Agora é necesario comezar cos traballos de transición, que non é unha tarefa fácil, xa que esta norma trae cambios moi importantes, aínda que o máis destacado é a integración do benestar do persoal dunha organización a través do seu sistema de xestión de seguridade e saúde no traballo.
Queda un gran camiño por percorrer para as empresas que queiran implantar a norma ISO 45001, para as organizacións que queren integrala con outras normas ISO, para as que queiran realizar unha migración desde a norma OHSAS 18001 ata ISO 45001 e, finalmente, para as que decidan certificar o sistema de xestión de seguridade e saúde no traballo.
Esta norma pode ser implantada nunha organización, aínda que existe un período de transición de 3 anos especialmente relevante para aquelas organizacións que teñan un certificado vixente baixo OHSAS 18001.
Obxectivos e campo de aplicación de ISO 45001: 2018
Hai que lembrar que a nova ISO 45001:2018 especifica requisitos para que un sistema de xestión da seguridade e a saúde no traballo (SST), con orientación para o seu uso, permita a unha organización proporcionar condicións de traballo seguras e saudables para a prevención dos danos e da deterioración da saúde relacionados co traballo e para mellorar de maneira proactiva o desempeño da SST. Isto inclúe o desenvolvemento e implementación dunha política da SST e obxectivos que teñan en conta os requisitos legais aplicables e outros requisitos que a organización subscriba.
No transcurso destas acción formativas, abordáronse a normalización e a tramitación das normas UNE, EN e ISO, e mais concretamente da ISO 45001 expoñendo as diferencias da nova norma con respecto a OHSAS 18001, así coma os procedementos de migración a levar a cabo nos próximos 3 anos, dende o punto de vista da auditora certificadora.
Tamén coñecemos a experiencia de representantes de entidades e empresas respecto da OHSAS 18001 e as expectativas con respecto a migración cara a ISO 45001 así como aspectos coma a extensión da xestión dos riscos a todos os actores, a internacionalización ou a influenza das condicións de traballo en terceiros países sobre a competitividade, as importacións e as condicións de traballo dos nosos traballadores.