Novas

Xoves, Febreiro 06, 2025

PROMOCIÓN DA SAÚDE E DO BENESTAR LABORAL NA EMPRESA: abordaxe do consumo de tabaco, alcol e outras drogas

imaxe webinar medicamentos

A Coruña, 06 de febreiro de 2025

 

A Organización Internacional do Traballo estima que entre un 15 e un 30 por cento das vítimas de accidentes laborais poderían estar relacionadas co consumo do alcol e doutras drogas, e que as persoas traballadoras con estes problemas presentan ausencias ao traballo dous ou tres veces maior que o resto.

A última enquisa do Observatorio Español da Droga e as Toxicomanías, indica que un 87% dos traballadores manifestaban que o consumo alcol e outras drogas era un problema importante no seu lugar de traballo, e un de cada cinco referían ter actualmente algún compañeiro ou compañeira de traballo que consumía en exceso.

O alcoholismo e/o outras drogodependencias afectan polo menos un 2% da poboación en España segundo as estatísticas, sen contar os casos de persoas traballadoras que abusan de substancias que poden carrexar importantes riscos durante o desempeño do seu traballo.

Nos últimos anos evidénciase un notable aumento na prevalencia de enfermidades mentais, converténdose nun problema de saúde pública significativo. O trastorno de ansiedade é o máis frecuente, afectando ao 6,7 por cento da poboación, seguido polos trastornos do sono, que impactan ao 6,4 por cento, e os trastornos depresivos, que afectan ao 4,1 por cento. Estes problemas de saúde mental poden ter graves consecuencias na calidade de vida de quen os padece, afectando a súa capacidade para realizar actividades cotiás e manter relacións interpersoais saudables.

Ademais, houbo un aumento considerable no consumo de benzodiacepinas, situando a España como o segundo país de Europa con maior consumo destes medicamentos,  que se intensificou tras a pandemia de COVID-19. Aínda que en 2023 a cifra descendeu lixeiramente, o consumo segue sendo elevado e son os trastornos de ansiedade e outros problemas de saúde mental son as principais razóns detrás do uso destes fármacos.

A Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 establece como unha das súas prioridades a de enfrontar os riscos psicosociais que afectan as persoas traballadoras, como o estrés, a violencia ou o desgaste profesional, entre outros, e a de procurar reducir, con carácter xeral, os danos na saúde das persoas, tanto en accidentes laborais como en enfermidades profesionais.

Outra das prioridades e introducir e consolidar progresivamente a cultura do benestar laboral a través dunha visión integral da saúde.

O Issga difundirá a Guía de boas prácticas de promoción da saúde nas empresas galegas, incidindo nas pemes para o impulso de programas e proxectos para o coidado da saúde mental e o benestar emocional nos lugares de traballo.
Nieves Lorenzo Espeso xefa da área Técnica de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do centro territorial do Issga na Coruña participou como relatora.

Como representante do Issga desde hai 14 anos no comité de verificación de empresas saudables destacou os beneficios dos programas de promoción da saúde no traballo e invitou a formar parte da Rede de empresas saudable e sostible.

Na webinar, indicou que a abordaxe da prevención do consumo de alcol e outras drogas no ámbito laboral require de estratexias e actuacións específicas nas que son necesarias a implicación tanto da dirección da empresa como do persoal e os seus representantes, xuntamente cos servizos de prevención de riscos laborais e, con frecuencia, cos servizos da comunidade.