Mércores, Marzo 11, 2026
Participamos na I EDICIÓN DO CURSO SUPERIOR EN DEPORTE, EMPRESA SAUDABLE E NOVAS TENDENCIAS para continuar a divulgar coñecementos especializados e a promoción da saúde corporativa e o benestar laboral
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026
Onte pola tarde impartimos unha sesión presencial na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na I edición do Curso superior en deporte, empresa saudable e novas tendencias para ofrecer coñecementos especializados en promoción da saúde corporativa.
Nieves Lorenzo Espeso, xefa da área Técnica de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do centro territorial do ISSGA na Coruña participou nesta xornada como relatora. Forma parte do Comité Técnico de Verificación da Rede española de empresas saudables( REES) en representación do ISSGA desde hai 14 anos. Neste comité avalíanse os programas e accións das empresa cara ao Recoñecemento de “Boas Prácticas en Promoción da Saúde” e o Recoñecemento de “Empresa Saudable e Sustentable en Promoción da Saúde no Traballo” e das mellores “Accións en programas cardiovasculares, de saúde mental e de inclusión especial”.
Na súa intervención espuxo todo o traballo que está a desenvolver o ISSGA neste ámbito, o apoio á empresa, a divulgación deste proxecto e os seu beneficios da implantación deste tipo de programas. Tamén abordou os contidos da Guía Claves ISSGA - Saúde integral e benestar laboral na Pyme, que ten como obxectivo servir de orientación para o desenvolvemento de programas e accións neste ámbito dentro das pequenas e medianas empresas pero os programas e contidos son aplicables a outras de maior tamaño.
Na guía saliéntanse os beneficios de implementar os programas de saúde e benestar no traballo como a mellora para a saúde das persoas traballadoras, a retención de talento ou a mellora no ambiente laboral, o aumento da produtividade, entre outros. Tamén inclúe aspectos relacionados co benestar profesional, físico, mental e emocional, familiar e social e financeiro, contén exemplos de accións que resultaron ser eficaces nas empresas no ámbito da seguridade e saúde no traballo e consellos para a xestión do estrés, pautas para promover alimentación saudable nunha peme ou accións para fomentar práctica de exercicio físico regular.
Mostroulles aos asistentes outras campañas e documentación técnica nesta materia elaboradas polo ISSGA e explicoulles ás persoas asistentes como poden as empresas adherirse a Rede española de empresas saudables (REES) e iniciar o recoñecemento de boas prácticas en promoción da saúde no traballo (PST) atendendo ao modelo de promoción da saúde definido pola Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo e plasmado na Declaración de Luxemburgo.
O ISSGA busca promover que as pequenas e medianas empresas se adhiran a iniciativas de recoñecemento de empresas saudables atendendo ao modelo de promoción da saúde definido pola Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo e plasmado na Declaración de Luxemburgo que define a promoción da saúde no traballo como xuntar os esforzos do empresariado, as persoas traballadoras e a sociedade para mellorar a saúde e o benestar das persoas no lugar de traballo.
Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA é referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional.
Esta actividade formativa, cunha duración total de 30 horas, foi promovidad pola Universidade de Vigo que desenvolve un Master en Xestión Empresarial del Deporte.