Venres, Outubro 30, 2009
Os expertos avogan por reforzar a integración da prevención de riscos no sistema xeral de xestión das empresas
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu centro da Coruña unha xornada sobre a integración da prevención de riscos laborais no sistema xeral de xestión das empresas, que contou coa asistencia de máis dun centenar de persoas.
Na apertura, o Subdirector Xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, José Rega Piñeiro, subliñou que a subsistencia, hoxe en día, dos índices de sinistralidade laboral evidencia a deficiente aplicación da lei de prevención de riscos laborais nas empresas. Fronte a isto, avogou por fomentar a cultura preventiva e por reforzar a necesidade de integrar a prevención na xestión das compañías.
Ao seu xuízo, un dos problemas para a integración da PRL na empresa é que a meirande parte das mesmas ten un Servizo de Prevención alleo en lugar dun propio. Sobre este punto pronunciouse José Luis Castella López, director do Departamento de Normas e Asistencia Técnica do Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo (INSHT), quen destacou a tendencia ao “abuso da externalización” da prevención.
A este respecto, considerou fundamental que os Servizos de Prevención, alleos ou non, apoien a integración da prevención de riscos laborais nas empresas e centros de traballo, pero, para iso, hai que asegurar unha mínima calidade na actividade deses servizos de prevención.
Castella presentou a “Guía técnica para a integración da prevención de riscos laborais”, que supón unha importante achega metodolóxica sobre as formas de realizar esta integración nas empresas e que actualiza as “Orientacións para facilitar a integración da PRL no sistema xeral de xestión da empresa”, tamén elaboradas polo INSHT e publicadas no ano 2004.
Sobre as dificultades coas que se poden atopar as pequenas e medianas empresas (pemes) á hora de integrar a prevención, este experto apuntou que “hai que facer algo máis para apoialas”, especialmente ás microempresas, que supoñen, segundo dixo, “o 88 por cento das empresas españolas”. Segundo destacou, a integración da prevención de riscos laborais nunha empresa de cinco empregados pode supoñer por cada traballador un custo cinco veces maior que nunha compañía de 400.
Pola súa banda, o xefe do Equipo de Seguridade do centro coruñés do ISSGA, Marco Núñez Ramos, falou sobre a evolución legal da integración da prevención, subliñando a necesidade de que ésta se vexa coma un proceso transversal, é dicir, que se expanda a todas as actividades da empresa e que a poñan en práctica todos, desde os empresarios e altos mandos ata os propios traballadores.
Núñez engadiu que “todo o persoal ten unha responsabilidade crecente” neste proceso, aínda que a responsabilidade final recaerá sempre no empresario. “A prevención é imposible de aplicar sen o compromiso da dirección”, matizou.
Nesta xornada participou tamén Javier Fernández Travieso, inspector de Traballo e Seguridade Social, quen, ademais de explicar as funcións da Inspección á hora de vixiar o cumprimento do plan de prevención, sinalou que o máis importante na planificación da actividade preventiva é a evitación de accidentes, “e niso é no que debemos concentrar os nosos esforzos”.
O último relatorio correu a cargo de José Carlos Fernández, da empresa Navantia, dedicada ao deseño e construción de buques militares e á fabricación, reparación e mantemento de turbinas de vapor e aeroxeneradores, que na comunidade galega ten sedes en Ferrol e Fene e conta cunha plantilla total, entre traballadores propios e auxiliares, de máis de 5.000 persoas.
Fernández explicou o paso “dunha prevención de riscos laborais reactiva a outra proactiva” que experimentou esa empresa. Así, mentres ao principio íase sempre por detrás dos acontecementos e o sistema estaba baseado no labor do vixiante de seguridade, a partir da aplicación da lei de prevención de riscos laborais, en 1995, houbo un “cambio cultural” que puxo en evidencia a necesidade de establecer un plan de prevención, no que se prevesen, avaliasen e correxisen as situacións de risco e se definisen as funcións e responsabilidades de cada un dos integrantes do organigrama empresarial.
Na clausura, a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, fixo fincapé na ampla colaboración entre o organismo que dirixe e o Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo, e fixo un chamamento para crear un bloque entre os distintos institutos autonómicos para, dese xeito, contribuír a integrar con máis forza a prevención na sociedade.