Novas

Venres, Outubro 09, 2009

Os especialistas instan a “traballar máis” para acadar a asunción da importancia da prevención de riscos laborais nas pemes do sector da construción

Representantes de asociacións de empresarios da construción apostan por “traballar máis” para lograr a asunción da importancia da Prevención de Riscos Laborais (PRL) nas pequenas e medianas empresas, o que redundaría tanto na protección dos traballadores como no propio beneficio das empresas.

O Centro do ISSGA de Pontevedra, situado en Rande (Redondela), acolleu hoxe a xornada técnica “Responsabilidades en prevención para Pequenas e Medianas Empresas (PEMES) no sector da construción”, que contou coa presenza do presidente da Asociación Sectorial fa Construción de Pontevedra (ASECON), Isidoro Fontán; do da Federación de Profesionais e Autónomos de Galicia, José Conde García; de Yolanda Carballo Muñoz, asesora laboral da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), e dun representante da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social, que deron o seu punto de vista sobre responsabilidades en materia de prevención.

Durante a súa intervención, Isidoro Fontán sinalou que moitas empresas contratan os servizos de prevención, pero derivan responsabilidades a outros e non asumen a conciencia da importancia que isto implica para a protección do traballador e tamén para o beneficio da propia empresa, xa que, ao cumpriren a normativa, evitarían sancións por inspeccións. Por iso, apostou por “traballar máis nese campo”.

O presidente de ASECON considera que as políticas de PRL, a información e a formación sobre este tema foron débiles e dispersas, o que fixo que isto non se asumise como unha necesidade real e efectiva, senón que, pola contra, se tomase coma unha obriga ou formalidade burocrática.

Asemade, apuntou que, dado que a implantación da PRL nas pequenas empresas conleva uns custos e esforzos moitas veces difíciles de asumir polas circunstancias económicas, esta debería ser apoiada con axudas económicas e formación.

Por outra banda, Fontán indicou que as condicións desfavorables nas microempresas, unidas á complexidade normativa en relación coa Prevención de Riscos Laborais, inflúen en que siga habendo empresas pequenas con dificultades para cumprir estritamente algúns aspectos da lexislación. Isto complícase aínda máis polos reducidos recursos económicos e os custos elevados que ten que soportar o empresario para implantar e desenvolver a acción preventiva.

En canto aos traballadores, outra situación preocupante, ao seu xuízo, é “a pasividade e pouca consciencia” dalgúns deles, que non asumen a súa responsabilidade e o cumprimento das medidas de Prevención de Riscos Laborais por incomodidade, pouco costume ou simplemente porque cren que nunca lles vai a pasar nada.

Este experto considera que se debería impulsar a información sobre prevención de riscos no traballo aos desempregados que estean inscritos no Instituto Nacional de Emprego (INEM), para que, deste xeito, conten con formación sobre este tema á hora de acceder a un posto de traballo, o que é beneficioso tanto para o propio traballador como para a pequena empresa.

Accidentes con máis risco

Os accidentes con máis risco para os operarios deste sector son as caídas de altura, que serían evitables coa sinalización de lugares perigosos e o uso axeitado de arneses. Os accidentes producidos por electricidade e polas máquinas ou vehículos tamén se poderían eludir aplicando medidas de seguridade apropiadas e dando información aos traballadores para que saiban como actuar. Outros accidentes, como por exemplo cortes ou golpes, débense principalmente ao inadecuado uso ou non uso dos Equipos de Protección Individual (EPI).

Por todo isto, os especialistas coinciden en que queda por facer un amplo traballo de concienciación sobre a importancia da prevención no ámbito laboral e, ao mesmo tempo, é necesario que as empresas asuman a responsabilidade de brindar equipos de seguridade e protección individual axeitados e en consonancia coa normativa vixente.