Novas

Venres, Outubro 27, 2017

Os centros Issga de Ourense e A Coruña acolleron dúas xornadas sobre maternidade no ámbito laboral

  • Estas actividades formativas formaron parte das organizadas polo Instituto con motivo da Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo

Existen algúns riscos específicos na contorna laboral que poden afectar tanto á saúde da traballadora, como do feto ou do bebé lactante. O empresario ou empresaria ten a obrigación legal de protección fronte a estes riscos laborais.

EVALIACIÓN INICIAL DE RISCOS

A avaliación inicial dos riscos para a seguridade e saúde deberá comprender a determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo, parto recente ou lactación natural a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras, do feto ou do lactante, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico.

Como resultado desta avaliación, deberá determinarse, previa consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos a estes efectos.

Esta avaliación inicial, que levará a cabo independentemente de que o posto de traballo estea ocupado ou non por unha muller embarazada ou en período de lactación, é de suma importancia para a correcta e pronta información sobre os riscos. A traballadora non ten obrigación de comunicar o seu estado e ha de ser coñecedora de que pode estar a poñer en perigo a súa saúde e a do feto ou do bebé lactante se existen riscos no seu posto de traballo, así como da importancia dunha detección precoz do embarazo.

AVALIACIÓN ADICIONAL

Ante a comunicación por parte dunha traballadora, nun posto con risco, da súa situación de embarazo, parto recente ou lactación natural, deberase volver avaliar o posto de traballo. Analizarase a interacción entre os factores de risco detectados e as condicións individuais da muller para garantir a compatibilidade do posto de traballo coas devanditas condicións particulares. Tamén levará a cabo unha vixilancia da saúde da traballadora para estudar e valorar os riscos que poidan afectarlle e propoñer así as medidas preventivas adecuadas.

PLANIFICACIÓN PREVENTIVA

No caso de que exista algún risco, e sempre que este non se poida eliminar, se xerarquizarán e priorizarán as medidas preventivas na seguinte orde:

1. Adaptación das condicións e/ou do tempo de traballo.

2. Cambio a un posto de traballo exento de risco.

3. Suspensión de contrato por risco durante o embarazo ou a lactación natural de fillos menores de noves meses.

 

Tamén é desexable que a empresa dispoña dun protocolo por escrito que clarifique os pasos para seguir desde o momento en que a traballadora comunica o seu estado e a persoa ou persoas responsables de poñer en marcha as accións planificadas.

Prestación da seguridade social

A maternidade é unha prestación de seguridade social considerada como continxencia profesional, de maneira que o recoñecemento e xestión económica realízase a través do Instituto Nacional da Seguridade Social ou da Mutua de Accidente de Traballo e Enfermidade Profesional da Seguridade Social, segundo con quen teña concertada a empresa a cobertura das continxencias profesionais.

Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo

Cada ano a Axencia Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo promove, en toda Europa, a Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, co obxectivo de fomentar lugares de traballo seguros e saudables, e contribuír á difusión da Campaña Europea en curso.

A Semana Europea 2017, enmarcada na Campaña “Traballos saudables en cada idade” 2016-17, no seu segundo ano continúa impulsando un enfoque global da seguridade e a saúde no traballo atendendo á diversidade dos traballadores, para garantir unhas condicións de traballo adecuadas ao longo da vida laboral.

O fomento da prevención baseada no “ciclo de vida” dos traballadores, incidindo na necesidade de contar cunha boa xestión da seguridade e a saúde no traballo (SST) ao longo de toda a vida laboral, permitirá adaptar o traballo ás capacidades de cada traballador desde o inicio ata o final da súa carreira profesional.

En España, o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo, como Centro de Referencia da Axencia Europea, promove a realización de diferentes eventos no marco da Semana Europea, grazas á colaboración da Rede Española de Seguridade e Saúde no Traballo e a distintas organizacións que, ao longo do territorio español, participan na campaña contribuíndo a sensibilizar sobre a importancia de cada unha das campañas europeas, así como a proporcionar información sobre as actuacións necesarias para garantir lugares de traballo saudables.

O ISSGA, membro da dita Rede, como órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, programou cinco actividades relacionadas con esta campaña, que remataron con estas xonadas sobre maternidade nos centros Issga de Ourense e da Coruña.