luns, Decembro 23, 2013

O Observatorio Galego de Condicións de Traballo do ISSGA publica un Estudo das causas dos accidentes graves e mortais de Galicia no ano 2011

 
O Issga e a investigación de accidentes laborais
 
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral inclúe entre as súas función a análise, investigación e avaliación das causas e factores determinantes dos accidentes de traballo e en particular o seu estudo preventivo.
 
A investigación dos accidentes de traballo permite coñecer as causas que os provocan e, en consecuencia, desenvolver a súa prevención dun xeito xenérico mediante a formulación de plans e programas de redución baseados na análise dos datos derivados das investigacións.
 
 
A investigación de accidentes laborais no Plan de actividades do Issga
 
O Plan de actividades do Issga do ano 2013 inclúe entre as accións a desenvolver a investigación dos accidentes laborais, que ven sendo unha tarefa habitual dos técnicos do Instituto, e ademais estipula que neste ano desenvolverá un estudo no que analizará as causas e as formas de produción dos accidentes coas conclusións que se deduzan.
 
Este estudo é parte das actividades programadas do Observatorio Galego de Condicións de Traballo deste Instituto. Este Observatorio da resposta ao establecido no Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, no seu obxectivo 6, liña 1; recolle e analiza os indicadores preventivos de maior relevancia, co obxecto de transformar a información en coñecemento, que apoie a toma de decisións en materia de prevención de riscos laborais
 
 
Metodoloxía do estudo
 
Investíganse a práctica totalidade dos accidentes que poidan ser considerados de carácter grave, mortal ou múltiple dos que o Instituto ten constancia a través de varias canles: avisos do sistema 112 de Galicia, comunicacións urxentes do sistema Delt@, comunicacións dos corpos e forzas de seguridade, etc. O Instituto comezou no 2011 a facer a recollida sistematizada destas investigacións nun sistema informático para poder explotar os informes sobre a investigación.
 
Dada a complexidade e multiplicidade de causas, as particularidades de cada accidente e o número destes, achégase unha primeira aproximación ao estudo cualitativo causal, establece unha gradación das máis habituais, e a clasificación dos tipos de accidentes graves e mortais máis frecuentes, sobre a base das investigacións realizadas.
 
A notificación dos accidentes laborais realízase a través do sistema Delt@ (Declaración electrónica de traballadores accidentados). O formulario electrónico que utilizan as empresas é extenso e detallado, e permite facerse unha idea moi aproximada das circunstancias existentes no momento do accidente.
 
Porén a enumeración dos detalles que interveñen no accidente non constitúe en ningún modo unha investigación. Nunha investigación de accidente, partindo dos feitos constatados, débense determinar as causas que orixinaron que o accidente se materializase, entendendo que nun accidente laboral intervén máis dunha causa e que a conxunción de todas elas é a que como consecuencia orixina o accidente.
 
Posteriormente á determinación, é necesario utilizar un código para describir as diferentes causas que poden participar nos accidentes laborais que dea homoxeneidade ao seu uso por parte dos técnicos e permita unha análise global das que interveñen. O código utilizado é o Código de Causas utilizado polo grupo de traballo Análisis de la mortalidad por accidente de trabajo formado polo INSHT e membros dos órganos técnicos de das comunidades autónomas para a elaboración dos informes anuais de Análisis de la mortalidad por accidente de trabajo en España dende o ano 2008.
 
Para a elaboración deste documento analizáronse os datos almacenados nun ficheiro informático dos informes das investigacións de accidentes acontecidos no ano 2011, exceptuando algúns que pola súa escasa entidade ou polas súas características particulares, segundo se detalla na metodoloxía deste documento, non se consideraron apropiados de utilizarse na análise.
 
Detalles destacables do estudo
 
O estudo estrutura e analiza as causas dos accidentes por sector de actividade, tendo en conta as variables da persoa accidentada, da empresa, e en función da organización e actividade preventiva da empresa, entre outras. 
 
Na investigación dun accidente de traballo, pódese atribuír a súa orixe a máis dunha única causa. Nos 213 informes utilizadosna análise contabilízanse 441 causas de accidente o que corresponde a unha media de 2,07 causas por accidente.
 
Teñen preponderancia as causas relacionadas coa Organización do traballonos accidentes laborais co 29,02% das causas. En segundo lugar atópanse os Factores individuaisatribuíbles a imprudencias do propio traballador accidentado co 15,65% das causas e en terceiro lugar co 14,06% das causas, aquelas que teñen que ver cunha Xestión da prevenciónincorrecta ou insuficiente por parte da empresa.
 
A causa máis frecuente nos accidentes é o método de traballo inadecuado, presente en 38 dos 213 accidentes.
 
Por sector de actividade
 
*        Agricultura: destacan sobre os demais as causas relacionadas coa Organización do traballo e aquelas que, a falta de mellor agrupación, se inclúen no bloque Outros factores co 26,79%.
*        Pesca: este sector constitúe a excepción en canto ás causas predominantes dos accidentes, as causas ligadas á organización do traballo non se citan, sendo maioría as causas relacionadas coa Prevención intrínseca(defectos en canto a adecuación e medidas de seguridade do lugar de traballo) e as que teñen que ver cos Factores individuais do traballador e os materiais ou produtos que utiliza.
*        Industria: as causas organizativas co 33,08% do total destácanse neste sector en relación coas demais.
*        Construción: neste sector os dous principais bloques de causas son as organizativas co 31,62% e as agrupadas no bloque de Factores individuais (accións inadecuadas dende un punto de vista preventivo no traballo).
*        Servizos: tamén neste sector as causasorganizativas son as predominantes co 26,23% do total. En segundo lugar aparecen as relacionadas coa Xestión da prevenciónco 16,39% e moi próximas a estas osFactores individuais co 15,57%.
 
Por variables da persoa
 
Entre as causas máis frecuentes están as relacionadas coa Organización do traballo, onde a diferenza en porcentaxe entre homes e mulleres é maior, co 29,85% nos homes e 22,45% nas mulleres. En troques, no segundo bloque de causas máis frecuentes, os Factores individuais, a diferenza entre sexos é insignificante. O terceiro bloque máis frecuente, a Xestión da prevención, ten a segunda maior diferenza relativa a prol dos homes, co 14,54% para os homes e o 10,20% nas mulleres.
 
Dos accidentes investigados, a gran maioría o 94,84% corresponden a traballadores españois, sendo o 5,16% de diversas nacionalidades. Apréciase gran diferenza entre as causas dos accidentes dos traballadores españois e estranxeiros. Se nos traballadores españois, a Organización do traballo co 29,93% das causas e os Factores individuais co 15,91% son as dúas principais bloques de causas, nos estranxeiros a Xestión da prevención e o bloque de Outrosson os dous principais.
 
En todos os grupos de idade, as causas de Organización do traballo son as máis frecuentes nos accidentes. Os Factores individuais son o segundo bloque en importancia, con porcentaxes destacadas nos grupos de idade de 20 a 24 anos, de 45 a 54 anos e de 55 a 65 anos. As causas relacionadas coa Xestión da prevención son o terceiro grupo máis frecuente, con porcentaxes importantes nos grupos de idade de 16 a 19 anos, de 25 a 34 anos e de 35 a 44 anos.
 
Por ocupación
 
Os traballadores cualificados da construción, e as manufacturas, son con gran diferenza, o grupo de traballadores con máis accidentes co 42,25% destes.
 
As tres causas máis frecuentes no grupo de ocupacións con máis accidentes investigados, construción e industria, son a permanencia do traballador dentro dunha zona perigosa ou indebida, o método de traballo inadecuado e outras causas.
 
Por tipo de contrato
 
Do total dos traballadores accidentados, algo máis da metade, o 53,05% tiñan un contrato indefinido e case un de cada dez, o 9,86% era un traballador autónomo que cotizaba as continxencias profesionais.
 
Considerando o tipo de contrato, os traballadores con contrato indefinido son ampla maioría na industria co 71,93% dos accidentados do sector, os traballadores temporais son maioría na construción co 52,54% e os autónomos son ampla maioría na agricultura co 64,52%.
 
Nos traballadores con contrato indefinido destaca en relación co total, a porcentaxe das Causas de prevención intrínseca co 13,39% superior á porcentaxe do total dos traballadores que é do 9,98%. Nos traballadores temporais destaca a porcentaxe dos Espazos e superficies de traballo, que co 10,46% é superior ao 7,48% do total dos traballadores. Nos traballadores autónomos destacan as porcentaxes de Materiais, produtos ou axentes e sobre todo as causas do bloque Outros (factores ou causas) que alcanzan o 41,18% das causas dos accidentes destes traballadores.
 
Por variables da empresa
 
As causas debidas a erros na Organización do traballo son as máis frecuentes en todas as provincias, coa excepción de Lugo en que Outros factores ou causas con o 37,21% é o bloque de maior frecuencia. Na Coruña, os Factores individuais co 21,13% destacan en relación coas porcentaxes das demais provincias. En Lugo, como xa se comentou, é a porcentaxe no bloque de Outros o que máis destaca en comparación coas demais. Ourense destaca en relación coas demais provincias en tres bloques de causas: na Organización do traballo ten unha porcentaxe de causas do 36,73%, en Espazos e superficies de traballo a súa porcentaxe é do 18,37%, moi superior ao das demais provincias e en Protección e sinalización co 14,29%. Pontevedra destaca sobre as demais na porcentaxe de Xestión da prevención co 21,67% e no da Prevención intrínseca co 11,82%.
 
Segundo o tamaño da empresa do traballador accidentado as porcentaxes maiores corresponden aos tamaños de empresa máis frecuentes; o 38,03% dos accidentados traballaban en empresas de 1 a 10 traballadores e o 30,05% en empresas de 11 a 49 traballadores. A frecuencia das distintas causas dos accidentes é distinta. Os autónomos sen empregados teñen unha porcentaxe de causas 41,18% no bloque Outros e 11,76% en Materiais produtos ou axentes; nas empresas de 1 a 10 traballadores, a porcentaxe do bloque de Organización do traballo é do 32,73% das causas; as empresas de 11 a 49 traballadores son as que teñen a porcentaxe maior no bloque de Xestión da prevención co 18,84%, as empresas de 50 a 249 traballadores, son dous os bloques de causas nos que destacan sobre as demais, en Prevención intrínseca co 18,31% e en Factores individuais co 19,72%; e as empresas de 250 ou máis traballadores é no bloque de Espazos e superficies de traballo no que destaca sobre as demais co 12,12%.
 
Por forma
 
O grupo máis frecuente é no que están os diversos tipos de choques e caídas contra un obxecto inmóbil (depende se o movemento do traballador é en horizontal ou vertical) co 37,09% dos accidentes. O segundo grupo máis frecuente aquel no que o traballador é golpeado por un obxecto podendo estar ou non en movemento o traballador co 24,41%. En terceiro lugar están os atrapamentos e esmagamentos e as amputacións. O último grupo do que se dan datos é aquel no que o dano se produce polas características do obxecto co que unha parte do corpo do traballador entra en contacto, sendo a porcentaxe dos accidentes do 9,39%. Os demais grupos de formas de contacto teñen porcentaxes pouco significativas.
 
Por organización e actividade preventiva
 
Mais das 3/4 partes destas empresas tiñan contratado un servizo de prevención alleo, sendo tamén destacable que no 10,33% non conste organización preventiva.
 
Hai pouca diferenza entre as causas dos accidentes segundo exista SPA ou SPP, as maiores diferenzas en porcentaxes danse nos bloques de Protección ou sinalización (9,03% nos SPA por 4,00% nos SPP) e nos Factores individuais (18,75% nos SPA por 24% nos SPP). En cambio, se é notoria as diferenzas coa Ausencia de modalidade preventiva, por exemplo: 1/3 das causas dos accidentes considérase por Outras causas e a porcentaxe dos Factores individuais é moi baixa en relación cos SP (só o 6,06% das causas).