Novas

Venres, Agosto 14, 2026

O Issga reforza a prevención no sector forestal coa colección Os Implanta_Forestal

imaxe da colección Implanta forestal


O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) presenta a colección Os Implanta_Forestal, unha iniciativa que se enmarca nas actuacións previstas no Plan de actuación 2026 e que contribúe ao desenvolvemento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, reforzando o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora das condicións de seguridade e saúde laboral nun dos sectores con maior relevancia económica, social e ambiental da nosa comunidade.

A colección está integrada por tres publicacións complementarias: un documento principal, un manual do alumnado e un conxunto de fichas prácticas, deseñadas para facilitar tanto a formación como a implantación das medidas preventivas nas distintas operacións que conforman un aproveitamento forestal.
Os documentos desenvolven, de maneira práctica e estruturada e cun enfoque eminentemente práctico, os principais aspectos da prevención de riscos laborais neste ámbito de actividade, abordando cuestións como a planificación dos traballos, a corta polo pé e o procesamento con motoserra, a utilización de maquinaria forestal pesada, a corta e procesamento con procesadora forestal, as operacións de saca mediante autocargador ou tractor, os traballos posteriores ao aproveitamento, o transporte forestal, a integración da perspectiva da muller no sector, os primeiros auxilios, a vixilancia da saúde e a normativa aplicable.

A colección concíbese como unha ferramenta de apoio para que empresas, persoas traballadoras, servizos de prevención e entidades do sector dispoñan de orientacións técnicas que faciliten a planificación dos traballos, a selección dos medios máis adecuados, a organización segura das distintas operacións e a aplicación de procedementos de traballo que contribúan a reducir os riscos asociados aos aproveitamentos forestais.


Enlace da campaña "Os Implanta do Issga_Forestal"