Campañas

Os Implanta do Issga_Forestal

Imaxe Implanta_forestal

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) presenta a colección Os Implanta_Forestal, unha iniciativa que se enmarca nas actuacións previstas no Plan de actuación 2026 e que contribúe ao desenvolvemento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, reforzando o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora das condicións de seguridade e saúde laboral nun dos sectores con maior relevancia económica, social e ambiental da nosa comunidade.

Galicia é unha das principais potencias forestais de Europa e conta cun sector forestal e madeireiro cun elevado peso económico, social e territorial. A actividade desenvolvida nos aproveitamentos forestais resulta esencial para a xestión sostible do monte, o abastecemento da industria da madeira e a dinamización do medio rural. Ao mesmo tempo, a complexidade das operacións realizadas no monte, a utilización de maquinaria e ferramentas especializadas, as condicións do terreo, a diversidade das tarefas  e contornas de traballo e a variabilidade das condicións meteorolóxicas fan imprescindible unha planificación preventiva rigorosa que garanta a seguridade e saúde das persoas traballadoras durante todas as fases dos traballos.

Baixo a denominación Os Implanta, o Issga desenvolve ferramentas orientadas non só a informar sobre os riscos laborais, senón tamén a facilitar a implantación efectiva da prevención nas empresas. A colección proporciona criterios técnicos, procedementos de traballo e recursos prácticos que contribúen a integrar a seguridade e saúde laboral na planificación, organización e execución dos aproveitamentos forestais.

Esta actuación responde aos obxectivos da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que identifica o sector forestal como un ámbito prioritario para o desenvolvemento de actuacións orientadas á redución da sinistralidade laboral mediante o impulso da cultura preventiva, a xeración e transferencia de coñecemento, a innovación e o apoio técnico ás empresas e ás persoas traballadoras.

A colección está integrada por tres publicacións complementarias: un documento principal, un manual do alumnado e un conxunto de fichas prácticas, deseñadas para facilitar tanto a formación como a implantación das medidas preventivas nas distintas operacións que conforman un aproveitamento forestal.

Os documentos desenvolven, de maneira práctica e estruturada e cun enfoque eminentemente práctico, os principais aspectos da prevención de riscos laborais neste ámbito de actividade, abordando cuestións como a planificación dos traballos, a corta polo pé e o procesamento con motoserra, a utilización de maquinaria forestal pesada, a corta e procesamento con procesadora forestal, as operacións de saca mediante autocargador ou tractor, os traballos posteriores ao aproveitamento, o transporte forestal, a integración da perspectiva da muller no sector, os primeiros auxilios, a vixilancia da saúde e a normativa aplicable.

A colección concíbese como unha ferramenta de apoio para que empresas, persoas traballadoras, servizos de prevención e entidades do sector dispoñan de orientacións técnicas que faciliten a planificación dos traballos, a selección dos medios máis adecuados, a organización segura das distintas operacións e a aplicación de procedementos de traballo que contribúan a reducir os riscos asociados aos aproveitamentos forestais.

A través desta iniciativa, o Issga reforza as súas actuacións de elaboración de documentación técnica, información, formación, sensibilización e asesoramento especializado, promovendo a aplicación de boas prácticas preventivas e favorecendo a integración da prevención na actividade diaria das empresas forestais. Ao mesmo tempo, a colección contribúe a trasladar ao sector o coñecemento técnico xerado polo Instituto e a facilitar a súa aplicación práctica mediante materiais adaptados á realidade do traballo no monte.

Así mesmo, esta iniciativa compleméntase coas actuacións de estudo, análise e asesoramento técnico que desenvolve o Issga para mellorar o coñecemento da realidade preventiva do sector forestal, identificar necesidades emerxentes e favorecer a adaptación continua das accións preventivas á evolución da maquinaria, das técnicas de aproveitamento forestal, da organización do traballo e do marco normativo.

O desenvolvemento destas actuacións baséase na colaboración permanente do Issga coa Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), coas organizacións representativas do sector forestal e madeireiro, cos servizos de prevención e co resto de entidades implicadas, favorecendo o intercambio de coñecemento, a difusión das boas prácticas preventivas e a implantación de medidas eficaces fronte aos riscos laborais.