Martes, Xuño 26, 2012
O ISSGA presenta unha nova Folla de prevención sobre a avaliación de riscos na mobilización de pacientes nunha xornada técnica en Ourense
• A mobilización de pacientes en ámbitos sanitarios constitúe un dos principais factores de risco para as lesións de costas
• A avaliación de riscos resultará imprescindible para xestionar o risco de manipulación manual de pacientes
• Durante a xornada tivo lugar a presentación da Folla de prevención nº 31 do ISSGA
O pasado venres tivo lugar no Centro ISSGA de Ourense a xornada técnica “Ergonomía e trastornos musculoesqueléticos na mobilización de enfermos. Métodos para a valoración segundo Norma ISO-NP TR 12296. Método MAPO”, na que participaron 80 persoas.
A mobilización de pacientes en ámbitos sanitarios constitúe un dos principais factores de risco para as lesións de costas, e por iso entre o persoal sanitario ten unha especial incidencia a lumbalxia aguda, debido á manipulación manual de pacientes por tarefas de hixiene, traslados ou cambios posturais.
Os trastornos dorsolumbares derivados destas tarefas teñen a súa orixe principalmente na realización de levantamentos incorrectos con cargas excesivas e na adopción de posturas incorrectas, tanto ao realizar as mobilizacións como ao asumir tarefas estáticas.
A avaliación de riscos resultará imprescindible para xestionar o risco de manipulación manual de pacientes. Os seus obxectivos serán tanto mellorar as condicións de traballo, diminuíndo a carga biomecánica, coma implementar unha mellora da calidade asistencial.
Na actualidade existen diversos métodos para avaliar o risco de mobilización manual de pacientes, relacionados coas condicións ergonómicas inadecuadas dos equipos utilizados nas actividades diarias, as posturas adoptadas ou o estado dos pacientes.
As propostas metodolóxicas máis estendidas para a avaliación do risco por mobilización de pacientes se orientan á análise dun aspecto concreto, xa sexa a través da análise postural (OWAS ou REBA) a través da análise biomecánica (Dortmund Approach) ou da carga física (Care Thermomether). Estas metodoloxías soportan certas limitacións, xa que analizan parcialmente as diferentes tarefas de mobilización que se levan a cabo nun centro sanitario e non precisan outros factores que inciden na manipulación manual de pacientes, como por exemplo o ámbito de traballo. Non obstante, o método MAPO é un método holístico que considera todos os factores de risco nunha unidade ou servizo hospitalario, por outro lado indicados na ISO/NP TR 12296 "Ergonomics - Manual handling of people in the healthcare sector".
MÉTODO MAPO
O método MAPO permite a avaliación do risco por mobilización de pacientes nas diferentes áreas de traballo que se encontran nos centros sanitarios. O método pódese empregar principalmente para valorar a mobilización de pacientes en hospitais, residencias da terceira idade e residencias de enfermos crónicos.
A metodoloxía cuantifica, de forma fiable e válida, o nivel de risco por mobilización de pacientes nunha unidade ou servizo hospitalario, tendo en conta os aspectos organizativos que determinan a frecuencia de manipulación por cada traballador. Do mesmo modo, o método MAPO valora o risco de sobrecarga biomecánica da zona lumbar durante o traslado de pacientes nos centros hospitalarios.
Unha vez realizado o cálculo, establecerase un nivel de inadecuación ergonómica, que se clasificará, en función das puntuacións obtidas, como "Alto", "Medio" ou "Irrelevante". Os tres niveis do índice MAPO están coligados co aumento da probabilidade de sufrir lumbalxia aguda, o que permite establecer un nivel de exposición ao risco de sufrir lesións músculo-esqueléticas estipulado fundamentalmente polo número de tarefas que implican mobilización de pacientes. Así mesmo, e segundo o nivel de exposición obtido, requiriranse distintos tipos de intervención a curto e medio/longo prazo.
Para efectuar a avaliación de riscos das tarefas realizadas polo persoal sanitario, obteranse os datos específicos de cada área mediante unhas fichas de recollida de datos que despois serán analizadas polo avaliador. Estas fichas conteñen información de cada factor de risco considerado dentro da avaliación, os cales finalmente converxerán no índice final de risco ou "Index MAPO" sinalado.
Una vez identificados os factores de risco, convén precisar algunos valores a considerar durante a realización da avaliación, en función de varios indicadores como son o número de traballadores, a formación, os equipamentos de elevación ou o deseño das instalacións, entre outros.
Tras obter os resultados da avaliación, unha vez calculado o nivel de risco de cada factor, en función da exposición implementaranse as medidas preventivas daqueles factores nos que se deba efectuar unha mellora das condicións de traballo relacionadas coas tarefas de mobilización de pacientes, como poden ser, entre outras, as seguintes:
- Utilizar as axudas mecánicas dispoñibles.
- Proporcionar o número suficiente de equipos de axuda.
- Adecuar os espazos no lugar de traballo,
- Ensinar técnicas seguras para a manipulación manual de pacientes.
- Impartir formación específica aos traballadores que realizan tarefas de mobilización de pacientes.
O resultado da implantación das medidas preventivas poderá supoñer unha redución do absentismo e dos gastos de asistencia para a organización, así como unha mellora da calidade na prestación dos coidados aos pacientes.
Así mesmo, as instalacións equipadas con dispositivos de asistencia aumentarán significativamente a eficacia do traballo e mellorarán o ámbito laboral, incrementando a seguridade dos traballadores durante o manexo de pacientes e reducindo, en definitiva, a aparición de trastornos musculoesqueléticos.
FOLLA DE PREVENCIÓN
Durante a xornada tivo lugar a presentación dunha nova Folla de prevención do ISSGA, “Mobilización de pacientes: avaliación do risco. Método MAPO”, cuxo autor é Alberto Villarroya López, técnico en ergonomía da Unidade Periférica do Servizo de Prevención Propio do SERGAS de Lugo, que tamén participou como relator na xornada,
Nesta Folla de prevención, logo dunha introdución á problemática da manipulación de pacientes e dos métodos de avaliación do risco, analízase o método MAPO: identificación de factores, cálculo do índice MAPO, niveis de exposición e intervención, así como planificación da avaliación e as medidas preventivas.
Dita publicación está dispoñible en formato dixital a través da páxina web do ISSGA.