Xoves, Abril 09, 2026
O Issga presenta a campaña sobre recomendacións preventivas en paneis solares en cubertas a persoal técnico do IGVS
Santiago, 9 de abril de 2026
O ISSGA mantivo unha sesión informativa de presentación da campaña: Paneis solares en cuberta: Recomendacións preventivas contra caída de altura para o persoal técnico do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
O IGVS actúa como promotor de obras nas que se inclúe a instalación de paneis solares nas cubertas dos mesmos.
Presentouse a campaña ao seu persoal técnico para que os proxectos das obras que desenvolven xa integren as medidas de prevención recollidas na campaña.
É importante que os proxectistas redactores dos proxectos contemplen no estudo de seguridade das obras as previsións e as informacións útiles para efectuar no seu día, nas debidas condicións de seguridade e saúde, os previsibles traballos posteriores (mantemento, limpeza, etc.), nos cales se deben ter en conta os principios de acción preventiva e entre eles, adoptar medidas que antepoñan a protección colectiva á protección individual.
Os puntos principais da campaña son:
-
Sistemas de acceso seguros ás distintas cubertas da edificación, que ademais permitan a evacuación dun posible accidentado.
-
Definición das zonas de circulación pola cuberta entre as distintas zonas onde existan paneis instalados.
-
Sistemas que eviten a caída ao exterior, primando as proteccións colectivas sobre as individuais.
-
En caso necesario sistemas que eviten caída ao interior, primando as proteccións colectivas sobre as individuais.
-
Aínda que en aplicación do principio preventivo de evitar o risco, se é posible, os paneis deberíanse instalar a nivel de chan e non sobre unha cuberta.