Esta campaña ten como obxectivo presentar a documentación técnica elaborada polo Issga que informa e sensibiliza sobre o risco de caída en altura na instalación e mantemento de paneis solares en cuberta e aporta recomendacións preventivas fronte a este risco que contribúan a reducir a sinistralidade laboral.
A campaña inclúe a publicación e difusión de dous documentos sobre o risco de caída de altura asociados á instalación e ao mantemento de paneis solares en cuberta. O primeiro, en forma de alerta, consta de explicacións sinxelas e resumidas. O segundo documento, máis extenso, cita a normativa que resulta de aplicación nestes casos e amplía a información coas distintas obrigas de todos aqueles que interveñen nesta actividade, tanto para os casos nos que se teñan instalados paneis solares na súa cuberta, como os que decidan instalalos ou para os instaladores.
Deste xeito, nos dous formatos de documento que compoñen esta campaña danse recomendacións preventivas para evitar o risco de caída de altura, tendo previsto como acceder, permanecer e realizar estes traballos de forma segura.