Novas

Sábado, Outubro 11, 2014

O ISSGA participa no Congreso galego de prevención de riscos psicosociais no ensino

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), participa no Congreso galego de prevención de riscos psicosociais no ensino que ten lugar o día 11 de outubro nas instalacións do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) en Santiago de Compostela e que está organizado polo CSI-F. Neste congreso participa Juan Manuel Rodríguez Lorenzo, técnico do ISSGA coordinador do Proxecto Escola de Prevención.

 

Os riscos psicosociais son todas aquelas condicións presentes no centro de traballo que derivan da organización da empresa/entidade e poden afectar dun modo negativo ao traballador. Por tanto, a orixe do risco atópase na organización da empresa, na exposición ao risco e nos factores psicosociais mentres que as consecuencias derivan  en todos os trastornos que pode sufrir o traballador.

 

Por unha banda está o traballo en si, con todas as súas características e condicións, e por outro, as particularidades individuais do traballador. Estas particularidades serán as que condicionen a percepción e interpretación das condicións laborais. Por tanto, para cada traballador existe unha realidade psicosocial diferente; unha realidade subxectiva, xa que indica o xeito en que o traballador percibe  e experimenta as condicións que de modo obxectivo se producen na xornada de traballo. Na medida en que o traballador se adapte, aclimate ou acomode á realidade laboral, máis se  favorecerá a diminución do impacto negativo sobre el.

 

No ámbito educativo, traballar como docente ten aspectos específicos, sobre todo relacionados coa relación co alumnado ou cos seus pais, o que supón unha esixencia emocional con potencial efecto sobre o estado de saúde. En calquera caso, tamén os docentes están expostos aos riscos xerais: máis ou menos traballo, mellor ou pero organizado, con diferentes graos de autonomía, con compañeiros e unha dirección coa quen relacionarse, con máis ou menos inestabilidade laboral ou cambios non desexados. A avaliación de riscos que debe realizarse como primeiro paso da actividade preventiva debería basearse nestes marcos xerais que mostran relación co estado de saúde, adaptalos á realidade dos docentes e engadir algunhas dimensións específicas como as esixencias derivadas do trato con alumnos desmotivados, indisciplinados ou grupos de grande diversidade.

 

É importante ter en conta o punto de vista do que pode afectar aos nenos e nenas  como do que pode afectar ao persoal educativo, co ánimo de integrar ambas visión nun só concepto: o da  prevención dos efectos non desexados dos riscos psicosociais, sexan laborais ou non.

 

O ISSGA conta cunha Escola de Prevención, dirixida a ensinar aos rapaces e rapazas da nosa comunicade cales son os riscos que se poden atopar no seu futuro no ámbito laboral, pero tamén está enfocada a relacionar a prevención con aqueles riscos que se poden atopar na súa vida diaria (no fogar, na rúa ou na escola).

 

O ISSGA ten elaborada unha Folla de Prevención titulada “Riscos psicosociais no ámbito educativo: bullying”, un documento que ten como obxectivo que no ámbito educativo se tome conciencia deste tipo de condutas, de maneira que se poidan poñer en marcha as medidas axeitadas para tratar de evitalos, ou cando isto no fose posible, de minimizar as súas consecuencias. Este tipo de violencias caracterízanse pola dificultade á hora de identificalas, polo que é moi importante que os centros dispoñan de protocolos de actuación fronte a elas, onde se reflicta   a forma de intervir e os pasos que hai que seguir cando se detecte un caso. Todos os que interveñen no proceso educativo está obrigados a preocuparse por este problema e a concienciarse da importancia que ten. Nela defínese o bullying, se explica o proceso no que un neno se converte en agresor ou agredido así como a actuación que hai que ter tanto coa vítima, coma cos agresores, cos observadores e coas familias.

O documento pódese descargar na seguinte ligazón:

 

http://issga.xunta.es/portal/contido/documentacion/publicacions/follas-de-prevencion/doc_0011.html

 

Por último, lembrar que o ISSGA inclúe entre as accións do seu “Plan de actividades 2014” a redución dos riscos psicosociais no traballo mediante ferramentas como a formación, información e concienciación. En concreto,  este ano xa se teñen realizado dúas xornadas técnicas sobre o acoso laboral nos Centros ISSGA da Coruña e Lugo ademais de dous cursos de formación interna sobre a prevención de riscos psicosociais nos mesmos lugares.

 

Así mesmo, salientar que este ano comezou en abril a nova campaña da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, “Traballos Saudables 2014-2015” que trata sobre a “Xestión do estres e dos riscos psicosociais no traballo”.