Novas

Venres, Maio 21, 2021

O ISSGA participa na reunión da Rede española de seguridade e saúde no traballo

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021. O ISSGA como integrante da Rede española de seguridade e saúde no traballo (RESST) participou na reunión virtual que tivo lugar en dúas sesións os días 20 e 21 de maio de 2021. Esta Rede serve como mecanismo de difusión e intercambio de información a escala nacional en materia de seguridade e saúde no traballo.

Durante o primeiro encontro realizáronse unhas sesións de carácter participativo mediante grupos de traballo temáticos sobre teletraballo, dixitalización e riscos psicosociais, xestión da idade e TME e integración da cultura preventiva na comunidade educativa. A finalidade destes grupos foi precisar o enfoque das actuacións como RESST, definir a situación actual e puntos críticos, elaborar un compendio técnico para visibilizar a través das redes sociais e dos eventos que se realizan en colaboración coa Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo (EU- OSHA) e definir accións de comunicación.

Mª Jesús Copa Arias, técnica do ISSGA, participou activamente nun dos grupos sobre teletraballo que se centrou sobre todo na problemática que se debe abordar nun futuro para esta nova situación: como levar a cabo a avaliación dos riscos, o plan previo que inclúa unha boa formación do persoal xa que é clave a figura do traballador ou se se debería valorar en función dos días de teletraballo, entre outros aspectos.

Á sesión plenaria asistiu Mª Encarnación Sousa Rodríguez e neste segundo encontro facilitouse información sobre as noticias da Unión Europea, onde se continua traballando na actualización da directiva de canceríxenos e mutáxenos coa incorporación de novos valores límite e a modificación do Regulamento de máquinas. A continuación, deuse información sobre a Campaña 2020-2022 "Traballos saudables: relaxemos as cargas" destinada a promover a xestión da prevención de todos os riscos relacionados coa aparición de TME onde a EU- OSHA marcou como áreas prioritarias: traballo sedentario, diversidade de traballadores, teletraballo, xeracións futuras e riscos psicosociais. Ademais, incidiuse en animar ás empresas para presenten exemplos de boas prácticas e participen na convocatoria de galardóns que está aberta ata o 30 de setembro deste ano. Outro dos aspectos que se trataron foi o calendario de actividades e a coordinación nos integrantes da Rede para as actividades con motivo da Semana Europea. Por último, presentáronse as principais conclusións dos grupos temáticos do día anterior que marcarán o camiño para as futuras accións por parte da Rede.