Venres, Abril 01, 2011
O ISSGA participa activamente nas XIII Xornadas Galegas sobre Condicións de Traballo e Saúde en Ferrol
Adela Quinzá-Torroja explicou o Plan de Actuacións do ISSGA para o 2011 no marco do Plan Estratéxico para a Prevención de Riscos laborais.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, aposta por preservar a seguridade laboral e por promover a responsabilidade social empresarial.
Ferrol (A Coruña), 1 de abril de 2011. Hoxe finalizan as XIII Xornadas Galegas sobre condicións de Traballo e Saúde que dende o pasado 30 de marzo se están a celebrar no CIS da Cabana - Ferrol, organizadas pola Asociación de Graduados Sociais de Ferrol e a Universidade da Coruña e que conta coa participación de máis de 300 persoas.
Tanto a presidenta desa asociación, Piar Millor, como a concelleira de Seguridade, Sandra Ríos, que inaugurou as xornadas, consideraron fundamental a prevención para aumentar a produtividade nas empresas.
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou durante o día de hoxe cun relatorio sobre a Estratexia en prevención de riscos laborais en Galicia 2011- 2014 e detallou as principais actuacións do ISSGA para este ano 2011.
No programa deste último dia tamén tivo lugar unha Mesa Redonda, moderada polo Subdirector xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, José Rega Piñeiro, sobre a colaboración dos Institutos de seguridade e saúde laboral de Galicia (ISSGA), Asturias, Cantabria e País Vasco (OSALAN), na que participaron os técnicos do ISSGA, Nieves Lorenzo Espeso e José Antonio Rodríguez Arribe e de OSALAN, Aitor Guisasola Yeregui.
Posteriormente, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou por preservar a seguridade laboral e por promover a responsabilidade social empresarial pese ao actual contexto de crise económica e eloxiou o compromiso da Asociación de Graduados Sociais de Ferrol coa mellora das condicións de traballo e saúde desde hai máis de 20 anos.
Neste sentido, apuntou que as condicións laborais constitúen unha materia que require dunha gran “implicación colectiva” entre os podres públicos, as empresas, e por parte de cada cidadán e cidadá no seu posto de traballo.
A través da implicación de todos, defendeu aproveitar esta crise como unha “oportunidade” para construír un “modelo laboral máis cohesionado, máis competitivo e máis seguro”. Neste esforzo, inscribiu o traballo da Xunta por recuperar o mercado laboral galego e por manter os obxectivos en prevención de riscos laborais.
“Dito doutro modo: a vixilancia para o mantemento do emprego non é máis importante que a vixilancia da seguridade nos empregos existentes”, insistiu.
Esta perspectiva, continuou, está presente no proceso de diálogo social, aberto entre Xunta, CCOO, UGT e a CEG. Recordou así que en xullo do ano pasado asinouse neste marco un acordo para o Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011-2014, un documento que ten en conta as especifidades da estrutura produtiva galega baseada nas pequenas e medianas empresas.
Tamén resultou destes acordos a posta en marcha do Plan anual de actividades do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). Este proxecto ten moi en conta os riscos emerxentes, como os psicosociais. “Temos realizado xa o primeiro curso sobre riscos psicosociais, ao que accederon 82 técnicos”, adiantou Mato.
Ademais, está xa en marcha o Observatorio Galego de Condicións de Traballo, que garantirá información periódica sobre sinistralidade e enfermidades profesionais. En breve, tamén se habilitará a Escola Galega de Prevención, como xa se tiña anunciado, que terá como fin introducir este concepto no ámbito educativo.
Por último, lembrou tamén que as mesas de traballo do diálogo social tamén están traballando actualmente na posta en marcha dunha estratexia en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para a Comunidade Autónoma.