Luns, Maio 13, 2013
O Issga organizou unha xornada na Coruña sobre enfermidades profesionais respiratorias
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou esta iniciativa.
- O obxectivo da xornada foi o de mostrar unha fotografía da realidade respecto da enfermidade profesional respiratoria a través de diferentes datos, ferramentas e estudos sobre estimacións de risco.
- Adela Quinzá-Torroja lembrou que é necesario estar atento a novos riscos emerxentes e ter presente que as exposicións poden pasar factura no futuro, mesmo despois de cesar na exposición laboral.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organizou o pasado venres na Coruña unha xornada sobre enfermidades profesionais respiratorias. Na mesma analizouse a estimación do risco, expuxéronse estudos sobre asma por resinas, e mostrouse a perspectiva do neumólogo dunha unidade especializada de pneumoloxía ocupacional.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou esta iniciativa e lembrou que a función de respirar precisa dun intercambio de gases co medio e obriga ao sistema respiratorio a un contacto permanente co medio exterior, por iso encóntrase exposto a contaminantes do medio e do ámbito laboral e é a porta de entrada na maioría das enfermidades respiratorias.
Se temos en conta que durante 40 anos de vida laboral os traballadores pasan 40 horas á semana no seu lugar de traballo, non exento de riscos, é doado entender a preocupación e o interese que suscita entre os médicos especialistas do traballo, neumólogos, radiólogos, internistas e entre os técnicos de prevención de riscos laborais estas patoloxías.
O obxectivo da xornada foi o de mostrar unha fotografía da realidade respecto da enfermidade profesional respiratoria a través de diferentes datos, ferramentas, estudos sobre estimacións de risco atribuíble da carga da enfermidade profesional respiratoria, revisións de estudos, e propoñer novas ferramentas metodolóxicas para os responsables da saúde dos traballadores.
Todos estes elementos axudan a mellorar a identificación precoz das enfermidades respiratorias ocupacionais, a coñecer a calidade dos datos dispoñibles e ser a base para formular unha estratexia de prevención eficaz e políticas preventivas orientadas.
Adela Quinzá-Torroja lembrou que é necesario estar atento a novos riscos emerxentes e ter presente que as exposicións poden pasar factura no futuro, mesmo despois de cesar na exposición laboral, coas chamadas enfermidades profesionais ou laborais postocupacionais e a un aumento de casos de asbestose, ou silicose.
Por iso é precisa a implantación do procedemento para a comunicación da sospeita de enfermidade profesional polo que os facultativos de atención primaria, especializada e os facultativos do servizo de prevención poderán comunicar as sospeitas de enfermidade profesional, cando no contexto das súas actuacións sanitarias sospeiten unha posible orixe laboral.