Novas

Venres, Outubro 25, 2013

O ISSGA organiza unha xornada en Ourense para concienciar ás empresas na importancia da psicosocioloxía e da ergonomía

Ourense, 25 de outubro de 2013.- O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) organizou hoxe en Ourense unha xornada co obxectivo de concienciar ás empresas da importancia da psicosocioloxía e da ergonomía en tempos onde os recursos humanos e económicos son limitados e deben optimizarse.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe esta iniciativa e explicou que a intervención nos ámbitos ergonómico e psicosociolóxico “é unha ferramenta que as empresas e organizacións teñen na súa man á hora de mellorar o ambiente laboral, aumentar a produtividade, reducir os riscos laborais e, polo tanto, os danos para a saúde dos traballadores”, o que conleva unha redución dos custos, tanto económicos como sociais, no ámbito empresarial, a nivel dos traballadores ou do propio sistema da seguridade social e mutual.

O técnico do ISSGA Juan Manuel Rodríguez abordou a importancia de ter en conta ás persoas, o seu entorno, as súa experiencia, as súas vivencias e os seus problemas, á hora de enfocar os temas empresariais, e moi especialmente a prevención de riscos laborais de orixe psicosocial, porque “unha mellora nas condicións de estima e de participación do traballador dentro da empresa poderá incrementar as súas aportacións e o seu desempeño dentro do sistema empresarial”.

De seguido, a conselleira técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), María Félix Villar, falou da relación entre custos e beneficios na intervención ergonómica, na idea de que toda inversión en aspectos ergonómicos supón un beneficio claro tanto para empresa como para o conxunto da sociedade, e, por suposto, para os propios traballadores.

A continuación Carlos Rodríguez Fernández, delegado provincial de Mutua Galega, como representante dunha mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, xestora dos fondos por continxencias profesionais da Seguridade Social, referiuse aos custos que as baixas derivadas de trastornos sobre os que ten influencia a ergonomía, tal como os musculoesqueléticos, teñen no sistema mutual.

 

Como último apartado desta xornada técnica, Borja Nóvoa Castro, xefe do servizo de prevención mancomunado do Grupo COREN, explicou exemplos prácticos onde a intervención ergonómica supuxo aforro en custos económicos e persoais dentro do grupo de empresas ás que da servizo en materia de prevención de riscos laborais.