Luns, Xuño 17, 2013
O ISSGA organiza en Pontevedra un curso básico de prevención de riscos laborais
- Esta iniciativa enmárcase dentro da oferta formativa do ISSGA para este ano 2013
- A oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014
- Para este ano 2013 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais que terán lugar nos seus catro centros provinciais, dos cales xa tiveron lugar 6 deles coa asistencia de 250 persoas
- Completarase con outras tres edicións a través da modalidade en liña, das cales xa rematou a primeira edición na que participaron 150 persoas e está tendo lugar a segunda con igual número de participantes
Pontevedra, 17 de xuño de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, celebra esta semana en Pontevedra a terceira das catro edicións do ‘Curso básico de prevención de riscos laborais’. Unha decena de técnicos das especialidades de seguridade, hixiene, ergonomía e psicosocioloxía e medicina laboral impartirán a formación correspondente ás 65 persoas de distintos colectivos que están a realizar esta acción formativa.
Esta iniciativa enmárcase dentro da oferta formativa do ISSGA para este ano 2013. O programa do curso versa sobre conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, riscos xerais e a súa prevención, riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención, elementos básicos da xestión da prevención de riscos, primeiros auxilios e prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.
Os obxectivos pasan por proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención establecida no Regulamento dos servizos de prevención e proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo en determinados casos.
A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.
A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.
Nesta liña, a oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014.
Para este ano 2013 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais que terán lugar nos seus catro centros provinciais, dos cales xa tiveron lugar 6 deles coa asistencia de 250 persoas; así como tres edicións a través da modalidade en liña, das cales xa rematou a primeira edición na que participaron 150 persoas e está tendo lugar a segunda con igual número de participantes.
Así mesmo, tamén está tendo lugar unha nova edición do Curso básico de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre en liña, que forma parte do Plan de formación no eido de tempo libre 2013 da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e na que se seleccionaron 30 alumnos que desenvolven ou poden desenvolver tarefas relacionadas coa organización e xestión de actividades de tempo libre.