Novas

Venres, Outubro 09, 2026

O Issga imparte en Ourense un seminario teórico-práctico sobre prevención de riscos psicosociais

Alumnado asistindo a unha das sesión do seminario a cargo de César André

Ourense, 9 outubro de 2026.

O Issga celebrou os días 6 e 9 de outubro, no seu centro de Ourense, un seminario de formación teórico-práctica sobre prevención de riscos psicosociais, dirixido a persoal técnico de prevención de riscos laborais.

Esta actividade enmárcase no Plan de actuación do ISSGA para 2026, dentro do eixe 3, «Programas por riscos específicos e novos escenarios», concretamente na ficha 3.2.2, «Formación específica para persoal técnico de PRL sobre xestión de riscos psicosociais».

O obxectivo desta formación é apoiar a integración efectiva da xestión dos riscos psicosociais nas empresas e reforzar as competencias do persoal técnico responsable de asesorar nesta materia, proporcionándolle ferramentas prácticas e criterios técnicos para avaliar estes riscos nos postos de traballo e promover intervencións eficaces para a súa redución.

Durante o seminario abordáronse os principais riscos psicosociais de orixe laboral e os factores que os provocan, así como o seu impacto na saúde das persoas traballadoras e na organización do traballo. Tamén se revisaron metodoloxías de avaliación recoñecidas e desenvolvéronse casos prácticos para mellorar as capacidades de análise e aplicación das ferramentas metodolóxicas.

A formación incluíu, ademais, o debate sobre a interpretación dos resultados das avaliacións e a elaboración de informes técnicos con propostas de mellora e medidas preventivas orientadas á adaptación dos postos de traballo e á redución dos riscos detectados.

O seminario desenvolveuse en formato presencial, cunha duración total de oito horas distribuídas en dúas sesións de catro horas, os días 6 e 9 de outubro. Esta modalidade favoreceu a participación activa e o intercambio de experiencias entre o persoal técnico asistente.

As sesións foron impartidas por César André Rivas, Laura Neira Fernández e María Jesús Copa Arias, persoal técnico do Issga, que achegaron unha visión aplicada baseada na súa experiencia directa en avaliacións de postos de traballo de distintos sectores de actividade.

Esta iniciativa contribúe á mellora continua das competencias do persoal técnico en prevención de riscos laborais e reforza o compromiso do ISSGA coa promoción dunha cultura preventiva que teña en conta os factores psicosociais como elemento clave para protexer a saúde das persoas traballadoras e mellorar a calidade do traballo.