Novas

Mércores, Marzo 14, 2012

O ISSGA está a elaborar un estudo da sinistralidade laboral en profesións feminizadas que estará rematado no segundo semestre

O ISSGA está a elaborar un estudo da sinistralidade laboral en profesións feminizadas que estará rematado no segundo semestre

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe no ciclo de charlas ‘Muller e emprego’ que está a organizar o Concello de Ortigueira.

Estanse a analizar os sectores laborais con peso feminino para establecer as diferenzas respecto á sinistralidade nos homes.

A Consellería de Traballo e Benestar leva a cabo, ademais, no ámbito do sector feminino, un programa de protección das traballadoras embarazadas, unha campaña de vixilancia da saúde para traballadoras autónomas e estudos epidemiolóxicos en redeiras e mariscadoras.

En Galicia, no período comprendido entre xaneiro e febreiro de 2012 os accidentes laborais en mulleres baixaron nun 15,4 por cento con respecto a 2011.

Na provincia da Coruña, o descenso neste mesmo período foi do 14,1 por cento.

Ortigueira (A Coruña), 14 de marzo de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está a elaborar un estudo novidoso para coñecer as incidencias específicas da sinistralidade laboral nas profesións feminizadas, que estará rematado no segundo semestre deste ano. A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, avanzou hoxe a realización desta análise no ciclo de charlas ‘Muller e Emprego’ que está a organizar o Concello de Ortigueira.

En concreto, a máxima responsable do organismo do departamento autonómico impartiu unha charla sobre a prevención de riscos en profesións feminizadas, na que abordou o desenvolvemento deste estudo que incluirá, entre outras variables, os datos de accidentes de traballo e enfermidades profesionais nos sectores de traballo feminizados, seleccionados pola importancia cuantitativa e a porcentaxe de mulleres traballadoras. Así mesmo, levarase a cabo unha análise estatística e elaborarase un documento, que posteriormente se publicará.

“As diferenzas fisiolóxicas e anatómicas entre os sexos provocan que, en moitos casos, as mulleres, en determinadas ocupacións, teñan máis problemas de saúde que os homes que desenvolven as mesmas tarefas”, explicou Quinzá-Torroja.

Apuntou, así mesmo, que, por este motivo, é preciso integrar a dimensión de igualdade entre homes e mulleres na prevención dos riscos laborais, o que implica ter en conta as diferenzas para planificar as actividades preventivas. “O obxectivo último é acadar un nivel de protección similar con independencia do xénero”, indicou.

Ademais, a directora do ISSGA expuxo outras actuacións que este organismo está a levar a cabo no eido feminino e que están incluídas no Plan de Actividades de 2012. Destacou o programa de protección das traballadoras embarazadas que se puxo en marcha o ano pasado e que ten como finalidade verificar nas empresas a implantación da obriga da toma en consideración da posible repercusión sobre o embarazo ou lactancia na avaliación dos riscos, e as medidas pertinentes no caso de detección de riscos.

Ademais, desde o ano pasado estanse a levar estudos epidemiolóxicos en redeiras e mariscadoras para establecer enfermidades profesionais nestes sectores e desde 2010 realízanse actividades específicas para a prevención de riscos nos traballadores e traballadoras autónomas.

Ademais, Quinzá-Torroja apuntou que en Galicia existe unha comisión permanente de integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais que se constituíu en novembro de 2010 como órgano colexiado adscrito ao ISSGA. Os seus obxectivos, entre outros, son analizar a presenza da consideración do xénero nas estratexias autonómicas en materia de prevención e propoñer directrices sobre avaliación do risco para a saúde ou a seguridade da traballadora embarazada, que dera a luz recentemente ou en período de lactancia.

Por último, a directora do ISSGA destacou a baixada dos accidentes laborais de mulleres en toda Galicia no período comprendido entre xaneiro e febreiro deste ano con respecto a 2011. O descenso foi dun 15,4 por cento. Así, entre xaneiro e febreiro de 2011 contabilizáronse 1.339 sinistros laborais en mulleres fronte aos 1.160 do mesmo período deste ano. Na provincia da Coruña, neste mesmo período, os accidentes en mulleres baixou nun 14,1 por cento.