Novas

Martes, Setembro 08, 2026

O Issga difunde medidas para previr os riscos laborais nos traballos das adegas

imaxe do documento prevención de riscos na adega

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026.

A publicación Os Actúa do Issga. Prevención de riscos na adega recolle os principais riscos e medidas preventivas asociados ás diferentes tarefas de elaboración do viño
Coa chegada do período posterior á vendima, intensifícanse nas adegas galegas os traballos relacionados coa transformación da uva e coa elaboración do viño. Neste contexto, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) difunde a publicación Os Actúa do Issga. Prevención de riscos na adega, destinada a reforzar a información e sensibilización sobre a prevención dos riscos laborais neste sector.
O sector vitivinícola é un dos ámbitos de actuación preferente do Issga, pola súa importancia económica e pola súa vinculación co medio rural galego. As formas tradicionais de produción conviven actualmente con novos procesos e tecnoloxías, que poden xerar riscos específicos para as persoas traballadoras.
O documento aborda os traballos desenvolvidos nas adegas, desde a recepción da uva durante a vendima ata a elaboración, embotellado e almacenamento do viño, e recolle medidas preventivas relacionadas coa seguridade dos lugares e equipos de traballo, o ambiente laboral, o uso de substancias e mesturas e os trastornos musculoesqueléticos derivados da manipulación manual de cargas.
Tamén incorpora aspectos transversais como a perspectiva de xénero, as medidas de emerxencia, os primeiros auxilios e o uso dos equipos de protección individual (EPI).
A diversidade de tarefas e a posible presenza de persoal alleo á adega nalgunhas operacións fan necesario reforzar a información preventiva entre todas as persoas implicadas.
Con esta publicación, o Issga achega ao sector vitivinícola recursos prácticos para favorecer unhas condicións de traballo máis seguras e saudables, especialmente nun período de intensa actividade nas adegas tras a vendima.