Novas

Mércores, Febreiro 25, 2026

O ISSGA destaca a importancia de integrar a perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais na IV Xornada de Igualdade

  • A subdirectora xeral técnica e de planificación do Issga, Mª Encarnación Sousa, participou hoxe no encontro coa ponencia “A Saúde Mental ten Xénero” xunto a Laura Neira, vicepresidenta da Asociación Enfermaría do Traballo de Galicia.
  • O Instituto subliña que os riscos laborais afectan de xeito desigual a homes e mulleres, o que esixe medidas preventivas específicas e adaptadas.

     

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou hoxe na IV Xornada de Igualdade co obxectivo de poñer o foco na necesidade de abordar a seguridade e saúde no traballo (SST) dende unha perspectiva de xénero. Baixo o título “A Saúde Mental ten Xénero: Riscos psicosociais e invisibilidade emocional no emprego público”, a ponencia técnica analizou como as diferenzas biolóxicas, sociais e as desigualdades estruturais inflúen na saúde das persoas traballadoras.

A intervención correu a cargo de Mª Encarnación Sousa Rodríguez, subdirectora xeral técnica e de planificación do Issga, e Laura Neira Fernández, vicepresidenta da Asociación Enfermaría do Traballo de Galicia. Ambas coincidiron en que a integración da diversidade na prevención non é só un imperativo legal, senón unha estratexia eficaz para mellorar a competitividade e a xustiza social.

Un enfoque preventivo diferenciado

O Issga alertou de que a evidencia científica amosa unha clara desigualdade no impacto dos riscos:

Homes: Predominan os riscos de seguridade e accidentes traumáticos.

Mulleres: Teñen maior incidencia de patoloxías de etioloxía multicausal e a longo prazo, derivadas de factores laborais e extralaborais (como a carga de coidados ou a segregación do mercado).

Precisamente, unha das liñas prioritarias do Laboratorio para este exercicio é a realización dunha diagnose inicial sobre os principais factores psicosociais en sectores feminizados (atención ao público, coidados, limpeza ou hostalería), co fin de deseñar intervencións que reduzan a invisibilidade emocional nestes postos.

Actuacións clave do ISSGA para a Igualdade

Durante a xornada, déronse a coñecer as principais liñas de traballo do Instituto recollidas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, onde a perspectiva de xénero é un principio transversal, e que son executadas do Plan anual de actuación:

  1. Sectores feminizados: Realización de campañas e estudos específicos e escolas de saúde para colectivos como redeiras, mariscadoras, percebeiras, así como persoal de limpeza e de axuda a domicilio.

  2. Protección da maternidade: Programas de control e asesoramento sobre a avaliación de riscos durante o embarazo e a lactación natural.

  3. Adaptación técnica: Impulso á adecuación dos Equipos de Protección Individual (EPI) á anatomía feminina e tratamento dos riscos ergonómicos e químicos en sectores como o de salóns de peiteado e estética.

  4. Formación e Estatística: Inclusión de módulos de xénero en todos os cursos básicos de PRL e uso de datos desagregados por sexo para detectar danos vinculados ao xénero.

Comisión para a Integración da Igualdade

Destacouse tamén o papel da Comisión para a Integración da Igualdade na PRL, un órgano técnico e permanente que conta cos axentes sociais. Esta comisión traballa no deseño de pautas para que as empresas galegas implanten plans de igualdade e conciliación que garantan contornas laborais inclusivas e seguras.