
Vigo, 15 de outubro de 2022. O Máster en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca está deseñado para formar profesionais cualificados dentro deste ámbito industrial e que permita ao sector dotarse de tecnólogos especializados na conservación dos produtos da pesca e a acuicultura.
A Universidade de Vigo a través dos Departamentos de Química Analítica e Alimentaria e Enxeñería Química organiza xunto coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos ANFACO, a través do seu Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca CECOPESCA, un máster oficial totalmente innovador que abarca todos aqueles aspectos relacionados coa conservación dos produtos da pesca e a acuicultura. A idea xorde ante a crecente demanda de titulados especialistas nun ámbito industrial de notoria importancia na nosa sociedade.
O ISSGA colabora nesta actividade coa participación de Alfonso Pérez Santiago, xefe do Centro Issga de Pontevedra, que impartiu conceptos sobre prevención de riscos e saúde laboral.
Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en congresos, feiras, xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional.