Novas

Venres, Decembro 18, 2009

O ISSGA celebrou dúas xornadas informativas sobre o novo sistema global de clasificación, etiquetaxe e envasado de produtos químicos e os cambios que suporá para as empresas

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou esta semana nos seus centros provinciais de Pontevedra e A Coruña sendas xornadas informativas sobre o novo sistema global harmonizado de clasificación, envasado e etiquetaxe de produtos químicos e o novo Regulamento Europeo polo que se adopta ese sistema. Estes encontros, que foron organizados en colaboración con Mutua Universal, estiveron dirixidos a empresarios, traballadores autónomos, mandos intermedios e técnicos de prevención de riscos laborais.

Durante eses seminarios, a responsable de Risco Químico do departamento de Prevención de Riscos Laborais de Mutua Universal, Montserrat Vega Castillo, explicou que é o Global Harmonized System (GHS), como será a partir de agora a etiqueta dos produtos químicos, como se realizarán estes cambios e como poden afectar ás empresas. Así mesmo, falou sobre a situación actual do Regulamento CE nº 1907/2006 relativo ao rexistro, avaliación, autorización e restricción das substancias e preparados químicos (REACH) e a súa relación co GHS.

O coñecemento da perigosidade dos produtos químicos e dos seus posibles efectos negativos na saúde dos traballadores é fundamental para poder avaliar os seus riscos e tomar medidas encamiñadas a reducilos, pero, ademais, esa información debe transmitirse dunha maneira clara, facilmente comprensible polos destinatarios e normalizada.

O GHS é unha nova ferramenta de alcance internacional que vai permitir establecer un maior control na comunicación dos perigos asociados aos produtos químicos. Ese sistema contén criterios de clasificación harmonizados, clases e categorías de riscos e elementos de comunicación dos perigos dos produtos químicos que supoñan un risco para a saúde humana e o medio ambiente. Abrangue todo produto químico (substancias e preparados) perigoso, cubrindo a exposición nos procesos de produción, almacenamento e transporte.

Polo momento, os cambios que suporá a aplicación do novo Regulamento Europeo sobre Clasificación, Etiquetaxe e Envasado de Substancias e Mesturas, polo que se adopta este sistema, son voluntarios, pero a partir de decembro do ano 2010 a nova etiquetaxe será obrigatoria para as substancias, quedando derogada a actual. Por iso, os expertos en prevención de riscos laborais subliñan a necesidade de coñecer eses cambios para poder interpretar a información das etiquetas, e, o máis importante, de formar aos traballadores para que poidan desenvolver os seus labores dun xeito seguro.