Novas

Mércores, Novembro 11, 2009

O ISSGA celebra en Lugo unha xornada sobre traballos en emprazamentos con risco de incendio ou explosión

O ISSGA celebra en Lugo unha xornada sobre traballos en emprazamentos con risco de incendio ou explosión

O Instituto Galego de Seguridade e a Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu centro provincial de Lugo a xornada técnica “Traballos en emprazamentos con riscos de incendio ou explosión”, orientada a trasladarlles aos empresarios a idea de que unha boa xestión da prevención, á parte de evitar accidentes laborais, pode converterse nunha magnífica ferramenta para mellorar a propia imaxe da empresa e, polo tanto, a dos seus produtos.

O xefe de Formación do centro lugués do ISSGA, Javier Pernas Verdugo, fixo un percorrido polos principais puntos recollidos no Real Decreto 681/2003, de 12 de xuño, sobre a protección da seguridade e a saúde dos traballadores expostos aos riscos derivados de atmosferas explosivas (ATEX) no lugar de traballo. A pesar da existencia desta normativa, unha gran parte de empresarios deste ámbito recoñece que non desenvolveu as súas obrigas neste campo, segundo indicou.

Entre esas obrigas, atópase a adopción de medidas de carácter técnico e organizativo en función do tipo de actividade que se desenvolva na empresa, co obxecto de impedir a formación de atmosferas explosivas ou ben, cando a natureza da propia actividade non o permita, evitar a ignición de atmosferas explosivas e atenuar os efectos perxudiciais da explosión, garantindo a saúde e a seguridade dos traballadores.

O Real Decreto recolle tamén a obrigatoriedade da avaliación do risco de explosión, da coordinación empresarial nos casos en que se traballe con compañías externas, da clasificación das zonas segundo o risco de formación de ATEX e os aspectos que debe incluir o Documento de Protección contra Explosións.

Nesta xornada, participaron varios responsables do Grupo Mahou-San Miguel, empresa dedicada á fabricación de cervexa que conta cunha plantilla media de 2.200 traballadores.

Segundo explicou Julián Cabezos Sáez, director de prevención do grupo empresarial, nese tipo de fábricas manipúlanse cada ano miles de toneladas de cereais; consúmense enormes cantidades de combustible, líquido e gaseoso; a maioría desas factorías producen miles de quilogramos anuais de gases combustibles nas súas depuradoras de augas residuais e algunhas fábricas realizan a refrixeración dos seus tanques de fermentación por expansión directa de amoníaco.

A política preventiva do grupo baséase fundamentalmente no desenvolvemento de comportamentos seguros, que se acadan coa formación e información suficiente dos traballadores en prevención de riscos laborais e coa cumprimento das normas de seguridade axeitadas. Asemade, Cabezos fixo fincapé na importancia da mellora continua das condicións laborais, o que redundará nunha maior calidade de vida dos traballadores. Para todo iso, requírese de profesionais o máis cualificados posible e dun alto grao de cultura preventiva, engadiu,

Este experto considera que, se ben nos últimos anos tense constatado unha redución da sinistralidade nos sectores de risco, iso débese a que se partía de condicións “nefastas” e subliñou que “aínda queda moito por facer”.

Sobre as medidas técnicas e organizativas postas en marcha no Grupo Mahou-San Miguel, falou exhaustivamente Ana Ávila Borjabad, xefa de prevención do grupo, que expuxo, punto por punto, os aspectos que debe conter o Plan e Prevención de Riscos Laborais en Atmosferas Explosivas.

O primeiro punto que debe ter en conta, en primeiro lugar, é a identificación de riscos (das substancias que poden dar lugar á xeración de atmosferas explosivas, como polvo, metano, amoniaco, gas ou fuel); en segundo lugar, a avaliación de riscos, que debe ter en conta tanto a probabilidade de xerar explosións como a severidade das mesmas; e, por último, a adopción das medidas de prevención e protección encamiñadas a minimizar os niveis de risco, que deben estar recompiladas no Documento de Protección contra Explosións.

Na xornada interviron tamén Emérito Núñez Armado, técnico de prevención da mutua de accidentes de traballo FREMAP, quen falou sobre as distintas metodoloxías de clasificación de zonas segundo o risco de formación de ATEX e sobre o marcado de equipos de protección, e Eloy Caballero, xefe de Planificación de DDI e Proxectos Industriais do Grupo, que especificou as medidas técnicas e organizativas postas en marcha nas instalacións da empresa desde un punto de vista práctico.

Na clausura, a xefa do centro do ISSGA de Lugo, Nieves Novo Lodeiro, destacou que esta xornada vai na liña do obxectivo do Instituto de que a implantación dunha cultura preventiva chegue a todos os implicados. Por iso, manifestou a vontade do organismo de seguir nesa liña de colaboración con empresas e profesionais e adiantou que, dentro do programa formativo do ISSGA para o próximo ano, recóllese o obxectivo de darlle continuidade a este tema, en consonancia co interese que suscitou esta xornada.