Xoves, Setembro 26, 2013
O ISSGA achega ás pemes e autónomos de Ourense e Lugo unha ferramenta telemática para asesoramento en prevención de riscos laborais
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou onte esta xornada técnica en Ourense que tamén tivo lugar hoxe en Lugo.
- A plataforma Prevencion10.es, posta en marcha polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), axuda aos usuarios a establecer plans de prevención para a súa empresa, ofrécelles un servizo telefónico de asistencia e un plan de formación
- Recentemente se engadiu unha ferramenta máis destinada a orientar aos autónomos que non teñen traballadores a cargo
- Quinzá-Torroja inaugurou tamén na cidade das Burgas as VIII xornadas técnicas de prevención de riscos laborais, promovidas pola Asociación provincial de empresarios da construción de Ourense (ACO).
Onte no Centro Issga de Ourense e hoxe no de Lugo tivo lugar unha xornada técnica, organizada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que tivo como obxectivo achegar ás pequenas e medianas empresas (pemes) e aos autónomos unha ferramenta telemática de asesoramento público en materia de prevención de riscos laborais.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou esta iniciativa en Ourense, na que destacou a súa relevancia, dado o especial peso que teñen as pemes e os autónomos no tecido económico galego. De feito, tanto a Estratexia europea de Seguridade e Saúde no traballo, como a española, e o Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia recollen amplamente ás pemes como “receptoras preferentes do apoio das institucións”.
É neste marco no que o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSTH) desenvolveu a plataformaPrevencion10.es como servizo público de asesoramento para empresas de ata 10 traballadores. Esta ferramenta permite que o empresario desenvolva persoalmente o labor preventivo, sempre que: as actividades da súa empresa non estean recollidas no anexo I do regulamento dos servizos de prevención; que desenvolva a súa actividade no centro de traballo; e que teña a capacidade correspondente ás funcións preventivas que vai desenvolver.
Prevencion10.es conta con tres ferramentas integradas: Avalía-t, para o establecemento na empresa do plan de prevención; Stop riscos laborais, como servizo telefónico de asistencia; e T-Formas, plan de formación para asumir persoalmente a prevención.
Recentemente, publicouse unha nova ferramenta nesta web: o Autopreven-t, destinada a facilitar o cumprimento por parte dos autónomos –sen traballadores a cargo- dos deberes e obrigas establecidos na Lei de prevención de riscos laborais, promovendo unha formación específica neste eido tendo en conta as distintas especialidades laborais. De feito, nestas xornadas participaron as asociacións de traballadores autónomos máis representativas.
Tamén tiveron presenza nunha mesa de debate as mutuas de accidentes de traballo e seguridade social que traballan en Galicia. Durante a súa participación, abordaron a planificación preventiva para 2013 que, entre outras cousas, poñer no primeiro lugar as empresas de ata 50 traballadores, especialmente aquelas dos sectores nos que concorren un maior volume de accidentes. Ademais, as mutuas teñen este ano o deber de difundir a ferramenta “Prevención 10”, ademais de ensinar o seu modo de emprego.
VIII Xornadas técnicas
Quinzá-Torroja inaugurou as VIII Xornadas técnicas “Prevención de riscos laborais”, que se desenvolveron na sede do ISSGA da cidade das Burgas e que estaban promovidas pola Asociación provincial de empresarios da construción de Ourense (ACO) e financiadas pola Consellería de Traballo e Benestar.
O obxectivo desta iniciativa é fomentar a prevención nun sector considerado de alto risco e que, ademais, está suxeito a constantes cambios técnicos que requiren dunha actualización permanente.
Así, durante esta xornada, tendo en conta as causas máis relevantes de sinistralidade no sector, abordardouse a organización preventiva das empresas e tamén as obrigas dos coordinadores de obras de construción. Tamén se desenvolveron conceptos relativos ás responsabilidades dos suxeitos, xa que nesta actividade –como na prevención de riscos en xeral- todos os actores son necesarios para evitar os accidentes e mellorar as condicións de traballo.
Polo tanto, esta xornada foi unha canle para a difusión de boas prácticas e das funcións e responsabilidades de cada quen co fin de continuar mellorando a prevención e, polo tanto, reducir os accidentes e enfermidades relacionadas co traballo.