Luns, Abril 15, 2013
O centro ISSGA de Ourense acolleu unha xornada técnica sobre os riscos psicosociais no ámbito educativo
Traballar como docente ten aspectos específicos, sobre todo relacionados coa relación co alumnado ou cos seus pais, o que supón unha esixencia emocional con potencial efecto sobre o estado de saúde. En calquera caso, tamén os docentes están expostos aos riscos xerais: máis ou menos traballo, mellor ou pero organizado, con diferentes graos de autonomía, con compañeiros e unha dirección coa quen relacionarse, con máis ou menos inestabilidade laboral ou cambios non desexados. A avaliación de riscos que debe realizarse como primeiro paso da actividade preventiva debería basearse nestes marcos xerais que mostran relación co estado de saúde, adaptalos á realidade dos docentes e engadir algunhas dimensións específicas como as esixencias derivadas do trato con alumnos desmotivados, indisciplinados ou grupos de grande diversidade.
A especialista en psicosocioloxía do Centro Nacional de Condiciones de Trabajo de Barcelona do Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo (INSHT), Silvia Nogareda Cuixart, abordou aspectos relacionados coa metodoloxía para a avaliación deste tipo de riscos, así como co contido dalgúns estudos existentes en relación cos riscos psicosociais neste ámbito.
O ISSGA conta cunha Escola de Prevención, dirixida a ensinar aos rapaces e rapazas da nosa comunicade cales son os riscos que se poden atopar no seu futuro no ámbito laboral, pero tamén está enfocada a relacionar a prevención con aqueles riscos que se poden atopar na súa vida diaria (no fogar, na rúa ou na escola). No Plan de actividades do ISSGA para este ano 2013 aparece recollido o obxectivo de ampliar, e no seu caso, desenvolver contidos relacionados cos riscos ergonómicos e psicosociais, ao que se dá resposta coa celebración desta xornada técnica así como a publicación dunha Folla de prevención ao respecto que se presentou durante a dita xornada e que estará dispoñible a través da páxina web do ISSGA, http://issga.xunta.es nos vindeiros días.
O técnico do ISSGA, Juan Manuel Rodríguez Lorenzo, presentou a Folla de prevención “Riscos psicosociais no ámbito educativo: bullying”, un documento que ten como obxectivo que no ámbito educativo se tome conciencia deste tipo de condutas, de maneira que se poidan poñer en marcha as medidas axeitadas para tratar de evitalos, ou cando isto no fose posible, de minimizar as súas consecuencias. Este tipo de violencias caracterízanse pola dificultade á hora de identificalas, polo que é moi importante que os centros dispoñan de protocolos de actuación fronte a elas, onde se reflicta a forma de intervir e os pasos que hai que seguir cando se detecte un caso. Todos os que interveñen no proceso educativo está obrigados a preocuparse por este problema e a concienciarse da importancia que ten.
Con esta xornada deuse unha visión da psicosocioloxía, tanto dende o punto de vista do que pode afectar aos nenos e nenas como do que pode afectar ao persoal educativo, co ánimo de integrar ambas visión nun só concepto: o da prevención dos efectos non desexados dos riscos psicosociais, sexan laborais ou non.