Xoves, Maio 11, 2017
O centro Issga de Lugo analiza nunha xornada técnica a seguridade e saúde laboral na conservación e mantemento de estradas
- A dificultade á hora de especificar as intervencións para realizar, xunto coa concorrencia do tráfico rodado e outras actividades ou servizos na infraestrutura, denota a particular relevancia que adquiren os aspectos relacionados coa xestión da prevención de riscos laborais neste tipo de traballos
Lugo, 11 de maio de 2017. O salón de actos do Centro Issga de Lugo acolleu hoxe esta xornada técnica que tivo como obxectivo informar aos case cen asistentes entre profesionais da prevención, técnicos, empresarios e traballadores sobre a xestión da prevención de riscos laborais nos traballos de conservación e mantemento de estradas.
Estas actividades presentan certas particularidades que poden ter relación cos accidentes de traballo que con máis frecuencia se presentan neste sector, por exemplo que estes traballos son asumidos, xeralmente, polas empresas no marco dun contrato de mantemento das infraestruturas que abarca un período de tempo determinado, de maneira que, con frecuencia, as intervencións concretas que teñen que realizarse non están definidas con detalle nos pregos de condicións, ben porque non poden anticiparse ao derivarse de factores externos (por exemplo, fenómenos meteorolóxicos), ben porque o alcance e extensión dos mesmos non pode sistematizarse dende un punto de vista documental. Con carácter adicional, parte destas intervencións poden carecer de proxecto por non ser preceptiva a súa realización. Así mesmo, moitos dos traballos téñense que realizar coa infraestrutura en uso, é dicir, con presenza de tráfico na mesma. Isto implica a exposición dos traballadores a un factor de risco adicional non orixinado pola obra en si, senón asociado ás características do emprazamento onde se van a realizar os traballos e pola concorrencia doutras actividades.
A dificultade á hora de especificar as intervencións para realizar, xunto coa concorrencia do tráfico rodado e outras actividades ou servizos na infraestrutura, denota a particular relevancia que adquiren os aspectos relacionados coa xestión da prevención de riscos laborais neste tipo de traballos, en especial no relativo á adopción de medidas preventivas na concepción dos traballos, a planificación destes e o establecemento dos medios de coordinación adecuados.
Ao abeiro dos obxectivos que se recollen nas sucesivas estratexias de seguridade e saúde no traballo, que constitúen os instrumentos principais para establecer o marco xeral das políticas de prevención e polas que se aproban os Plans de actuación do Issga, se realizan actuacións continuas no sector da construción e afíns (entre o que englobaremos o mantemento e conservación de estradas), polas súas especiais peculiaridades e dificultades no eido da integración da prevención.
Entre as principais actuacións do Issga neste ámbito figuran o asesoramento e control das accións técnico preventivas que se realicen nas empresas para elevar a protección da seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras, e a prestación ás empresas, con especial atención ás pequenas e medianas, de asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento na normativa de prevención de riscos laborais.
Esta xornada formativa vincúlase con diversos obxectivo recollidos na Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2016-2020 e no Plan de actuación do ISSGA para este ano, encadrándose dentro do eixo 6, denominado formación, difusión e sensibilización en prevención de riscos laborais.
Tendo en conta a variedade de traballos que se realizan no mantemento e explotación de estradas e, coa particularidade de que pode haber interpretacións sobre se estes traballos se engloban ou non nas obras de construción, nesta xornada tratouse de coñecer a problemática existente nesta actividade e aproximarnos ás posibles solucións aos principais problemas do sector a nivel de prevención de riscos laborais, que poidan mellorar as condicións de seguridade e saúde dos traballadores que realizan este tipo de tarefas.
En primeiro lugar Álvaro López Aenlle, xefe de equipo de seguridade do Issga Lugo, realizou unha introdución aos principais problemas que a nivel de seguridade, afectan aos traballadores das empresas deste sector, expoñendo as conclusións do informe elaborado polo que o subgrupo de traballo “prevención en trabajos de conservación y explotación de carreteras” creado dentro do grupo de traballo de construción da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST).
De seguido David Sáez Chicharro, director da área de seguridade e saúde da Fundación Laboral da Construción (FLC) abordou aspectos relativos á documentación preventiva, tanto á esixida as obras con proxecto coma sen proxecto. en relación cos requisitos esixidos polo RD 1627/1997 e RD 171/2004 e as súas correspondentes Guías Técnicas, así como o resto da documentos técnicos que nos serve de axuda para integrar a prevención neste tipo de actividade.
Tralo descanso, Gustavo Flores Martínez. Director Técnico de Tepril - Técnicas de Prevención de Riesgos Laborales SL, falou do papel do coordinador de seguridade e saúde nas obras de conservación e mantemento de estradas.
Finalmente, Juan Antonio Fernández Matamoros, Business Partner PRL de Acciona Mantenimiento de Infrestructuras SA, expuxo o caso práctico da organización da prevención nos traballos executados pola súa empresa no sector LU-1, na provincia de Lugo.