Venres, Abril 27, 2018
O centro ISSGA da Coruña acolle unha xornada sobre o impacto da idade e a diversidade na xestión de PRL
A Coruña, 27 de abril de 2018.- Hoxe tivo lugar no Centro Issga da Coruña a xornada técnica “Idade e diversidade. Impacto na xestión de PRL” co obxectivo de concienciarnos de que unhas condicións de traballo seguras e saudables ao longo de toda a vida laboral son boas para os traballadores, as empresas e a sociedade en conxunto.
Polo tanto, é importante promover a integración da variable “idade” nas avaliacións de riscos, non só como variable simplemente descritiva, e desenvolver accións de promoción do envellecemento activo e preparación das persoas traballadoras de máis idade para a xubilación.
O envellecemento da poboación constitúe un dos próximos retos da sociedade e tamén no eido laboral, xa que ten impacto non soamente na economía senón tamén na saúde laboral e o benestar social. Por mor do que é necesario dedicar esforzos para unha boa xestión destes traballadores e na prevención dos seus accidentes e enfermidades profesionais.
Este reto únese ao da diversidade, que significa a convivencia de distintas xeracións nunha mesma actividade e suxeita a cambios tecnolóxicos.
Esta xornada forma parte das actividades organizadas polo ISSGA con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo que aborda este ano 2018 o tema da idade e diversidade xeracional, baixo o lema “Xeración segura e saudable”.
Ten o obxectivo de acadar a meta de promover contornos de traballo seguros para todos os traballadores en 2030, e eliminar todas as formas de traballo infantil en 2025.
Os riscos laborais poden aumentar por factores persoais como o xénero, o estado físico, a situación ou as orixes dos traballadores, así como a súa idade.
A avaliación dos riscos laborais debe ter en conta o factor da idade. As esixencias do traballo teñen que se adaptar ás capacidades e a saúde de cada persoa.
Co paso do tempo modifícanse as aptitudes psicofísicas, polo que a xestión dos riscos débese abordar axeitadamente para lograr unha contorna de traballo seguro e saudable ao longo de toda a vida laboral das persoas.
Determinados tipos de traballos teñen unha incidencia especial no deterioro das capacidades físicas e sensoriais relacionados coa idade: actividades con carga física pesada, traballo a quendas ou nocturno, exposición a temperaturas altas ou contornos fríos, traballos con niveis elevados de ruído.
Por outra banda, a experiencia dos traballadores de máis idade é un valor a aproveitar. A utilización dos seus coñecementos pode ter un efecto motivador importante no persoal e un papel fundamental en influír sobre o comportamento seguro e proactivo dos traballadores na empresa.
Por iso, a xestión da seguridade e a saúde no traballo no contexto do envellecemento das persoas non só mellorará a saúde e a vida diaria de cada traballador. Tamén mellorará a produtividade e a rendibilidade das empresas.
Durante o desenvolvemento desta acción formativa os relatores expuxeron as súas presentación nas que incidiron sobre os seguintes temas:
-
A prevención baseada no “ciclo de vida” dos traballadores, incidindo na necesidade de contar cunha boa xestión da seguridade e a saúde no traballo (SST) ao longo de toda a vida laboral, o que permitirá adaptar o traballo ás capacidades de cada traballador desde o inicio ata o final da súa carreira profesional.
-
As condicións psicosociais dos traballadores de maior idade: os beneficios para a saúde mental e física do traballo sustentable e saudable e a adaptación do traballo ás necesidades do individuo ao longo da súa vida laboral
-
As novas condicións relativas ao acceso ao traballo e a xubilación, o incremento da idade de ambas e as repercusións das mesmas, dende o punto de vista das relacións laborais e o traballo xusto.
-
As actuacións en xestión da idade e interxeneracionalidade realizadas nunha PEME, como exemplo de boas prácticas neste ámbito, as expectativas e os logros conseguidos, dentro do ámbito xenérico da empresa saudable.